
Hoxe colgamos no noso blog un relato feito por Alba Núñez Aldudo, unha alumna DE 1º B ESO. Esperamos que vos agrade.
A noite de San Xoán
Unha noite de lúa chea, estabamos todos os rapaces da rúa sentados en círculo nun lugar escuro, medorento e alonxado dos maiores. Estábamos nós, sós. Aquela noite de San Xoán ía ser como todas, divertida. Pero esta non foi igual…
Este ano chegara á rúa unha nova familia, moi querida por toda a veciñanza. Todos os seus membros eran moi queridos , menos a filla pequena. Esta rapaza chamábase Sabrina, e era un pouco, por así dicilo, “rara”. Non andaba con ninguén, nin sequera comigo, xa que viña na miña clase. Sempre ía vestida de negro , e se falaba con nós, só era para falar de cousas de maxia, como feitizos, meigallos, etc. Aquela noite, esa noite horrible, pediunos a todos se podía sentar con nós. Nós, como boas persoas, dixemos que si, aínda que con medo, pero non co medo que íamos pasar.
En canto sentou, puxo os ollos en branco e comezou a dicir o seguinte: “Esta noite, sucederán estas cousas. E o que eu digo, é verdade. Esta é a primeira e única: ides morrer. É o voso fin.” Nós non a cremos, pero despois arrepentímonos. Despois, un a un, foi dicindo o noso fin: “Ti, Bríxida, caerás no pozo e afogarás de forma lenta e dolorosa. Ti, Marta, serás atropelada polo teu pai, cando marche traballar. Ti, Xulia, morrerás no teu garaxe aforcada polo cable do teléfono…” E así, foi dicindo o fin de todos, ata que chegou a min, e dixo: “E ti, Alba…” E de repente, quedou calada, volveu en si, e marchou correndo á súa casa. Nós non lle fixemos caso, pero despois arrepentímonos. Cando dixo isto, serían as nove da noite. E, de forma estraña, cada certo tempo, un destes morría, da forma en que Sabrina dixera. A primeira foi Bríxida, que morreu no pozo. E despois, o resto. Eran as doce, e eu estaba alí, soa, na zona da rúa máis escura, medorenta e alonxado dos maiores. De repente, un arrefrío recorreume o lombo, e eu, toda amedrentada, comecei a correr cara os maiores, que estaban ceando. Pero, por máis que corría, nunca chegaba, e de repente, a luz apagouse. Atopeime soa nunha horrible escuridade, que me deixou sen respiración. De repente, vin a Sabrina, toda vestida de negro, coma sempre, pero no seu corpo faltaba algo… ¡Faltábanlle os pés! Iso significaba… ¡Que era unha pantasma! Eu comecei a correr, pero cada vez estaba máis e máis cerca, ata que ao xirarme para mirar se me seguía vin que non estaba, pero era mentira. Ao xirar a cabeza para seguir correndo, atopeima diante de min, e esta deume un golpe na cabeza. Pero antes de que mo dera, desapareceu, abrín os ollos e vin a miña nai. Ela díxome: “Alba, desperta, hoxe é San Xoán.” Fora un pesadelo… ¿Ou non?
Fin
No hay comentarios:
Publicar un comentario