Blog da Biblioteca do IES de Curtis: As irmás Touza Domínguez

26/2/09

As irmás Touza Domínguez



Lola, Amparo e Xulia Touza Domínguez representan a milleiros de anónimas mulleres galegas que con discreción e xeneroso desinterese souberon axudar a quen precisou agocharse e fuxir clandestinamente do seu país en tempo de guerra. As tres axudaron con valentía e durante anos a un número indeterminado de persoas, entre elas moitas xudías e xudeus escapados do horror do nazismo durante os anos máis duros da Segunda Guerra Mundial. Chegaban en tren a Ribadavia desde Medina del Campo, vía Monforte. Por escuros e secretos camiños, as comprometidas irmás Touza souberon facer que alcanzasen as seguras terras portuguesas. Nos anos corenta estiveron no cárcere.Tres mulleres con carácter, que permaneceron solteiras e viviron sempre xuntas na pequena vila ourensá que as vira nacer. Alí gobernaban unha pequena cantina instalada nun quiosco ao lado da estación de ferrocarril da capital do Ribeiro. O negocio permitíalles recibir e atender as primeiras necesidades dos acabados de chegar. Algúns dos fuxidos pasaron días agochados na casa familiar que as irmás posuían no número 2 da rúa do xuíz Viñas. Desde alí escapaban ao país veciño coa axuda doutros dous participantes nesta clandestina rede de auxilio, eran o taxista Xavier Míguez O Calavera e o condutor dun coche de punto chamado Xosé Rocha Freixedo. Lola, Amparo e Xulia contaban ademais coa axuda de Ricardo Pérez Parada, toneleiro de profesión que estivera emigrado nos Estados Unidos e lles facía de tradutor.O 26 de xuño de 1966 faleceu a maior das irmás, Lola, sufriu un ataque ao corazón na cantina da estación. Quince anos despois, o 6 de febreiro de 1981, tocoulle a quenda a Amparo e ao pouco, o 6 de xuño de 1983, acompañounas Xulia.As chamadas Schindler galegas recibiron o pasado 7 de setembro unha homenaxe póstuma en Ribadavia. No acto, organizado pola Red Sefardí de España e polo centro de Estudos Medievais de Ribadavia, solicitouse a declaración das tres irmás como Xustas das Nacións, máximo recoñecemento do estado israelí a persoas que axudaron aos xudeus durante o Holocausto.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas