
Naceu na localidade coruñesa de Oza dos Ríos, aínda que sendo moi nena foi levada a Curtis. Estes anos de xuventude que pasa no medio rural do interior de Galicia están marcados polas sensacións, as cores e as experiencias xuvenís vividas entre as carballeiras e os pastos, que inflúen sobre a personalidade da pintora e especialmente na súa traxectoria artística. Aínda que orgullosa destas orixes, isto non impediu que María Antonia fose unha muller adiantada ao seu tempo, capaz de asumir o reto dunha modernidade e unha independencia que apenas se lle permitía a unha muller no panorama da posguerra española. En 1952, se traslada a Madrid, onde vai residir xa de xeito definitivo, o que alterna con exposicións e tempadas en Galicia. Este traslado, que supuxo un novo período de contactos e amizades co mundo artístico madrileño, non a vai afastar dunha temática profundamente enraizada en Galicia, nas imaxes da súa campiña e o casarío, das labouras do campo e das pequenas tendas da aldea: dunha paisaxe e duns paisanos que se insiren na natureza e que é tratado como unha máis das formas naturais. Da obra de María Antonia Dans, que acada a súa plenitude na década dos setenta, chama a atención precisamente a intensidade do seu cromatismo, o puro soporte debuxístico dos seus cadros cunha elementalidade formal un tanto naif e primitiva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario