Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Belen Feliu

8/3/09

Belen Feliu

Belén Moreno Feliú -Belén Feliú- naceu na Coruña o 22 de outubro de 1961. Aínda que o seu nacemento en Galicia é circunstancial, a súa traxectoria biográfica e literaria vai situarse ao cabo dos anos e por elección da autora plenamente na cultura galega. Filla de Sofia Feliú e de Enrique Moreno, a súa infancia transcorre na vila de Betanzos. Comezan neste período a aparecer os primeiros síntomas da enfermidade, que logo determinaría a súa biografía. Os terribles ataques de asma e as probas médicas foron unha constante na súa vida, aínda que a súa actitude vital non se nutrise da conformidade senón da rebeldía e da resistencia. No estudo da súa nai, pintora, pasa moitas horas, debuxa e gaña algúns premios de pintura infantil. A escrita literaria viría anos máis tarde, aínda que o seu labor se mantivo durante moito tempo no ámbito privado. Aos once anos trasládase coa súa familia a Madrid, estuda bacharelato e os cursos abertos do Liceo Francés. Comeza a súa actividade literaria e a relación co mundo do teatro. Chega mesmo a gañar varias bolsas para asistir ao Festival de Teatro de Aviñón. Francia será referencia intelectual da escritora. Estuda Filosofía na Universidade Autónoma de Madrid e ao tempo a licenciatura en literatura francesa da Universidade de Tolosa. Vive entre Francia e Betanzos -onde a familia mantén unha casa- e pasa algúns días nos Pireneos, o mellor clima para a asma, segundo dicía. Hai na vida de Belén Feliu unha certa condición nómade pero a súa elección vital é Galicia. A mediados dos anos 80 casa con Carlos Couceiro, profesor de galego e dramaturgo, prepara oposicións e instálase en Ourense, onde exerce de profesora de Filosofía no Instituto Otero Pedrayo. Nos veráns viaxa por Europa, descubre Alemaña, comeza a estudar alemán, le a T. Bernhard e intensifica a súa actividade literaria. Colabora na tradución e adaptación realizada por Begoña Muñoz de Madame de Sade de Mishima e Les chaises de Ionesco, representadas as dúas por Sarabela Teatro, e comeza a participar nas actividades da Aula Castelao de Filosofía.Cun alto nivel de esixencia e un grande exercicio de responsabilidade, Belén Feliu elabora unha obra literaria, sempre nos territorios do relato, marcada pola indagación, a ironía, a subversión e o xogo. A súa é, en palabras de Chus Pato, unha escrita "contra a traxedia, contra as estúpidas linguas do infortunio e por iso é narración pero tamén pensamento e poética: Flaubert, Baudelaire, Benjamin".No ano 1994 comeza a colaborar na revista Festa da Palabra Silenciada. Participa na xénese do "I Encontro de Poetas Penínsulas e das Illas", que organiza no ano 1996 en Vigo Feministas Independentes Galegas. Reside xa daquela na vila de Muros, a onde se traslada tras o divorcio de Carlos Couceiro, con quen mantén fortes vínculos de amizade. Decide publicar e prepara a edición do seu primeiro e único libro de relatos Da Guenizah. No outono de 1996 recrúase a súa enfermidade, ten un forte ataque de asma. Un ano despois, en setembro de 1997, sofre unha crise definitiva na Quintana. Falece días máis tarde en Santiago. Trece meses despois sae publicado Da Guenizah, o seu único libro. A súa obra apenas recibe atención, só unhas recensións se achegan a un libro rupturista, irreverente e insólito no contexto da literatura galega. Cando aínda non se falaba das narradoras galegas, Belén Feliú escribiu unha única obra que abría o camiño, truncado prematuramente, da que podía ser unha das grandes narradoras da literatura galega. Deixou unha ampla obra, aínda inédita.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas