Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Olimpia Valencia

8/3/09

Olimpia Valencia


Olimpia Valencia López naceu en Baltar, provincia de Ourense, o 14 de decembro de 1898. Cando tiña doce anos marchou a Vigo, onde residirá, agás a etapa universitaria en Santiago de Compostela e Madrid. Filla única dunha familia acomodada, a súa vida representa á vez un caso singular, mais tamén significativo, da incorporación da muller ao eido académico e profesional no primeiro terzo do século XX en España, avance dramaticamente interrompido pola sublevación militar de 1936.Na Academia Minerva de Vigo preparouse para se presentar por libre aos exames de Bacharelato e Maxisterio. Mais, como non lle gustaba a docencia, preferiu estudar Medicina, decisión que foi respectada pola súa familia pero peor acollida por moitas das súas amizades, por consideraren que non era unha carreira axeitada para mulleres. En 1919 ingresa na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, como as escasas alumnas doutras facultades, facía unha vida austera: estudar e pasear pola Ferradura. Tivo como profesores a Novoa Santos, Gil Casares e RomeroMolezún. En 1925 converteuse na primeira muller galega en obter a licenciatura en Medicina. O seu expediente académico inclúe dezanove matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura.A Olimpia Valencia teríalle gustado ficar na clínica do doutor Gil Casares, onde se trataban enfermidades do pneumotórax, mais neste caso por presións familiares (naquel tempo non se xulgaba oportuno que as mulleres tratasen medicamente os homes) e tamén por influencia dos catedráticos, que pensaban que tiña que dedicarse a cuestións relativas á maternidade, inclinouse pola especialización en Xinecoloxía. Trasladouse a Madrid para preparar a súa tese de doutoramento, Variaciones de la colesterina en relación con la anestesia, baixo a dirección do acreditado doutor Recaséns. En Madrid instalouse na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu. O 23 de febreiro de 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico", mais pouco a pouco foigañando prestixio profesional. Muller de inquietudes culturais, vencellada a Galicia, tivo relación con varios recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Paz Andrade, Álvaro de las Casas ou Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do si no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (acusación que ela negará) e de ter trato con xente de esquerdas. Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade. Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roja", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu entrar na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.A guerra e o franquismo fixeron que esta muller vivise retirada e centrada na vida familiar e no traballo. No seu haber hai que salientar tamén que foi membro fundador da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo e da Alianza Francesa desta cidade. Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de oitenta anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Foi recoñecida sempre pola súa elegancia persoal, discreción e calidade humana. Morreu no verán do ano 1987.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas