O día de fin de ano, ás nove da noite, mentres agardaba sentada no sofá para ver a mensaxe do Rei, dona Ramonita Verdes puxo un ovo. Ó principio pensou noutra cousa, pero cando viu o producto do esforzo que fixera, limpo como neve, do mesmo tamaño que os ovos de galiña, aquela señora bondadosa, amiga dos pobres e con sona de santa, ergueuse e chamou ó médico. Molestoulle que aquel home sabio, que coidara a súa saúde durante sete décadas, se desentendera daquel xeito desabrido dun asunto tan dramático e lle dixera que avisara a un veterinario. Non sabía se a tomara por tola, se pretendera chamarlle besta, ou simplemente a aconsellara como debía, pois en realidade non se trataba dun problema médico. Vencendo a vergonza, dona Ramonita chamou ó veterinario, un rapaz novo, a quen a penas coñecía, e deulle a novidade. O home díxolle que se metese na cama e presentouse de seguida. Mandouna poñerse boca abaixo, apalpouna, díxolle que se volvera, pediulle logo que se situara en posición de galiña, que cantase cacaracá e que empurrase. Dona Ramonita puxo outro ovo e escoitouse un trono. O veterinario dictaminou que aquelo era cousa do crego. Pouco despois, a dama, asistida polo bispo, comulgaba, pedía perdón polos pecados, e entregaba a alma a Deus. Os ovos gárdanse desde entón nos sotos da Catedral, nunha caixa forte. Polo visto, levan dentro unha blasfemia capaz de desencadear a fin do mundo, cousa que ninguén se explica, porque dona Ramonita Verdes era delgada como un fío. E unha santa.
Páxinas
"Non hai ningunha lectura perigosa. O mal non entra nunca pola intelixencia cando o corazón está san"
Jacinto Benavente
Jacinto Benavente
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas
No hay comentarios:
Publicar un comentario