Páxinas
"Non hai ningunha lectura perigosa. O mal non entra nunca pola intelixencia cando o corazón está san"
Jacinto Benavente
Jacinto Benavente
1/3/09
Rita Amparo López jéan
Filla dunha culta mestra oriúnda de Iruña e criada en Cuba, Rita Amparo López Jeán naceu en Vilaboa, no concello de Culleredo, no ano 1885. Desta pequena localidade fora durante algún tempo concelleiro seu pai, o avogado, Sabino María López Núñez. Ao quedar viúva, nai e filla trasladaranse á cidade da Coruña, onde Amparo cursou estudos de Maxisterio, que co tempo lle permitiron traballar na escola que dirixía súa nai, Adela Jeán Toca.
Muller inquieta e de avanzadas ideas, na cidade herculina estudou ademais piano co prestixioso músico José Baldomir e pintura co gravador Máximo Ramos. Fondamente interesada en ambas artes, Amparo participou en concertos benéficos e nas veladas literarias que con asiduidade se organizaban na súa casa de Catro Camiños.
Andando o tempo, Amparo López Jeán habíase converter nunha activa e comprometida militante do Partido Galeguista, no que ingresou o 5 de maio de 1935 sendo a primeira muller coruñesa en facelo. Nesta organización chegou a formar parte da executiva local como vogal. Durante anos traballou activamente na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, entidade fundada no ano 1933 que Amparo chegaría a presidir. Nestes anos colaborou activamente en excursións, homenaxes, discursos, actos e cursos de música que impartía de balde.
En xuño de 1936 trasladaríase co seu compañeiro, o xornalista e político César Alvajar, a Soria, cidade á que el chegaría en calidade de gobernador civil. A parella, que durante anos vivira xunta sen casar, coñecería nesta cidade o levantamento da Fronte Popular e as inmediatas e desastrosas consecuencias.
Durante a guerra civil española a familia viviu en Madrid, Valencia e Barcelona. Nesta cidade Amparo formou parte do Comité Executivo do Partido Galeguista, foi ademais a Secretaria Xeral do Grupo Feminino Galeguista. Dirixiu un obradoiro destinado a facer roupa para os combatentes galegos.
Separada dos seus fillos, logrou pasar a Francia, onde parte da familia chegaría a reagruparse. Moi desmellorada, faleceu o 12 de novembro de 1942, aos 57 anos, na cidade francesa de Montauban.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas
No hay comentarios:
Publicar un comentario