Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Manuel Rivas na RAG

2/8/09

Manuel Rivas na RAG

Manuel Rivas converteuse en académico electo da RAG, logo de que así o decidise o Plenario da institución . O nome do xornalista foi proposto polos académicos Luz Pozo, Xosé Luís Axeitos e Víctor Freixanes para cubrir a praza vacante deixada por Camilo González Suárez-Llanos .
Manuel Rivas Barrós naceu na rúa Marola do barrio coruñés de Montealto en 1957 e é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Xornalista , desde os quince anos, colabora con diversos medios de prensa, radio e televisión: El Ideal Gallego, tamén participou cos seus artigos en revistas como Teima e Man Común e en A Nosa Terra. Cofundador da revista cultural Luzes de Galiza, na actualidade mantén unha columna semanal no xornal El País,boa parte das súas mellores reportaxes están compilados en libros é un conto , Toxos e flores , Galicia, o bonsái atlántico , Galicia, Galicia , Muller no baño (2004) e Unha espía no reino de Galicia Ademais, posúe unha extensa creación literaria en todos os xéneros literarios; novelas O lapis do Carpinteiro e Un millón de vacas; Os seus traballos poéticos están recollidos na antoloxía O pobo da noite tamen Do descoñecido ao descoñecido, Costa da Morte Blues e Mohicania revisada. O pasado mes de abril publicou o poemario A desaparición da neve, nas catro linguas cooficiales.; libros de relatos Que me queres, amor?, Ela, maldita alma , A man do emigrante , As chamadas perdidas
As súas últimas obras son O heroe para teatro; os libros arden mal ,novela, e os Grouchos , ensaio xornalístico. (2004). http://sarmientobiblioteca.blogspot.com/search/label/Os%20libros%20arden%20mal
http://sarmientobiblioteca.blogspot.com/search/label/Rivas

2 comentarios:

Curtisbiblio dijo...

Será o académico máis novo e o primeiro representante da denominada xeración dos 80 en acceder á institución con rango de numerario. Con anterioridade, fora elixido correspondente o poeta Ramiro Fonte -falecido o ano pasado-, pero este nomeamento ten un valor simbólico sen intervención real nas decisións académicas.
A entrada na RAG de Rivas -probablemente o escritor máis aprezado e admirado do panorama galego- dábase por segura pero non se esperaba que fose tan inmediata, como aconteceu recentemente coa elección da polifacética Margarita Ledo Andión. A cineasta, narradora, poeta e teórica da comunicación achegoulle á institución unha vertente até entón inédita na institución -a audiovisual-, aumentaba a presenza feminina e daba entrada a unha xeración de activistas que irromperon con forza na Cultura galega nos últimos anos do franquismo.
É por eses anos que se revelou un dramaturgo como Euloxio Ruibal, autor dun texto referencial dos escenarios -Zirandot- e elixido numerario no 2005. Se ben Ruibal (1945) pertence cronoloxicamente a unha xeración anterior, comparte con Margarita Ledo (1951) o mesmo momento de emerxencia pública e, en certo modo, representan traxectorias que transformaron a evolución dos seus respectivos ámbitos.
O caso de Rivas, o escritor galego de maior relevancia internacional, é diferente. O seu debut literario tivo lugar no 1980 con Libro do entroido pero non foi até primeiros dos noventa -e mesmo ate o século XXI- cando a súa obra acada un status incontestable. O seu perfil como activista encaixa cunha liña onde o compromiso ecolóxico se funde co político -militou en Esquerda Galega- e o periodístico, creando unha figura socialmente paradigmática das últimas décadas. En Rivas conflúe, ademais, a vertente dun nacionalismo galego de radical amabilidade cunha herdanza de corte alternativo que o coloca -por vocación e experiencia persoal- na bagaxe de poetas como Lois Pereiro. Esta característica convérteo tamén nun nome singular dentro da súa propia xeración dos 80, que por fin acada con el presenza na RAG.

Curtisbiblio dijo...

A Real Academia Galega (RAG) mantén un equilibrio case salomónico entre as distintas xeracións. Se ben dominan os membros nacidos nos anos trinta, tampouco é menor a representación dos nacidos nas décadas anteriores, empezando por Francisco Fernández del Riego, próximo xa aos 97 anos. Del Riego é o único presidente da institución que "saíu vivo" do cargo e o únicio tamén que está na súa cadeira desde o franquismo: foi elixido no 1960 a proposta de históricos como Ramón Otero Pedrayo ou Sebastián Martínez-Risco.
El é o de maior idade pero cerca lle anda tamén Xaime Illa Couto (1915) -o patriarca de Galaxia- e Domingo Gil Merino, nacido no 1916 e académico desde 1975. Río Barja é do 1919. Un pouco máis alá, están Luz Pozo Garza -naceu no 1922 e ingresou no 1996- e Olga Gallego -naceu no 1923 e é académica desde a súa elección no ano 1986.
Comparado con eles, Xesús Alonso Montero e Xosé Neira Vilas (ambos do 1928) con case uns rapaces.
Na década dos trinta, dominan os nomes que protagonizaron boa parte da renovación creativa da posguerra e que, de feito, dominan a academia, comezando polo seu presidente, Xosé Ramón Barreiro, nacido no 1936. Duns anos antes son a poeta Xohana Torres (1931), o arquitecto Andrés Fernández-Albalat (1934), os poetas Salvador García-Bodaño e Ramón Lorenzo (1935), Xosé Luís Franco Grande e Xosé Luís Méndez Ferrín (1936).
O teólogo Andrés Torres Queiruga (1940), o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (1941), o filólogo Antón Santamarina (1942), Xesús Ferro Ruibal (1944) e Euloxio R. Ruibal e Xosé Luís Axeitos (1945) naceron nos corenta, a década menos representada significativamente na acadamia.
Despois das xeracións dos trinta, as dos nacidos nos cincuenta son os que posúe maior peso na institución, sobre todo porque é neste grupo onde conflúen nomes claves doutras institucións nacidos todos no 1951: o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG); Víctor Fernández Freixanes, director da editorial Galaxia e presidente da Fundación Otero Pedrayo, e o filólogo Manolo González, director do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, os seminarios de Sociolingüística e de Lexicografía da RAG e o Servizo de Terminoloxía de Galicia. Deste mesmo ano é Margarita Ledo Andión.
Do ano 1952 son Rosario Álvarez -directora do Instituto da Lingua Galega-, o catedrático Francisco Fernández Rei e o escritor Darío Xohán Cabana. Máis novo aínda é Manuel Rivas (1957) e, de momento, non existe ningún representante dos nacidos nos sesenta.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas