Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Ao galego

9/10/09

Ao galego





O home é un grande faisán no mundo
Herta Müller (Autor/a) e Franck Meyer (Tradutor/a)
Colección: EDICIÓN LITERARIA>ALTERNATIVAS>As Literatas
Publicouse en 1986. O título é un refrán romeno que traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido de voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home. Balada da espera dunha familia alemna nacida no Bánát, durante a dictadura de Nicolae Ceaucescu que desexa emigrar a Alemaña, onde estaban as súas orixes, a espera contando os anos e os días para obter o pasaporte que os leve á terra prometida. A marcha vaise converter no devalar do relato na necesidade dunha fuxida. O lector ou lectora pode realizar unha boa travesía por esta fermosa novela, disposta en cadros pequeneiros de prosa poética que se van ensarillando uns nos outros e van mostrando a complicada urdime da vida dunha aldea de Romanía.Ferinte prosa poética, por esta paisaxe adversa e abafante, poboada por animais e vexetais que nos transmiten crenzas populares, que nos avisan daquilo que vén herdado dende hai moito tempo. Unha boa travesía a través deses seres que son como o faisán no mundo, sufridores dos golpes da vida, sobrevivintes coa violencia.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas