Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Na miña casa hai mulleres cangrexo

29/10/09

Na miña casa hai mulleres cangrexo


Na miña casa hai mulleres cangrexo.

Van cara atrás cara ao futuro.

As mulleres xarda saltan brillando

na alfombra do vestíbulo.

Tede coidado onde poñedes os pés.

Na biblioteca a xente insecto agarda en siléncio

entre os fieitos oxidados e debaixo das cortizas

dos carballos: nas enciclopédias, as mulleres formiga;

nos albums de fotos, os homes grilo.

As moscas poñen ovos nos xornais.

Os homes garza e grou pasan cara ao sul

rozando a lámpada azul do corredor.

A muller corzo sobe entre os toxos

ao respaldo do sofá verde.

Podedes ver no espello bucear as mulleres lontra.

1 comentario:

Curtisbiblio dijo...

No balcón do Ézaro, o pobo dos xabaríns come
as camélias vermellas.
Eses ruídos na tuberias do baño
son dos homes congro.
Encina do armário agardan os homes lagarto.
As mulleres anguia, no tellado.
O rio das mulleres salmón nace no edifício de enfrente.
No portal agardan os cabaliños do mar
do Grove; os arroaces, no cine;
os lobos, na floristeria; as mulleres pega, no cíber da esquina.
Cando chego de noite traio boas notícias
de todo o país.
Somos máis do que pensabamos.
Tamén os homes mascato e as mulleres besta
están con nós.
E nos camiños agardan as mulleres ourizo
e as barbantesas.
Acariño a muller curuxa que pousa no meu ombro.
Mirando a chama azul do gas hai unha muller corvo.
A xente vagalume abre-me o camiño
pola fraga e as dunas.
As mulleres arao e os homes corvorán
fan-me sítio na cama. Hoxe soñaremos xuntos.
Somos miles. E xuntamo-nos.
E mañá cando saia o sol...
Mañá sairemos ás ruas.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas