Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Nova xeira de Polafía

20/11/09

Nova xeira de Polafía

As primeiras polafías aconteceron en 2007. Houbo que agardar case un ano pola nova xeira, que principiou a finais de outubro na parroquia de Figueirido (Vilaboa) e xa hai outras dúas en preparación: Neda (mañá sábado, 19.00 horas, Casa da Cultura) e en Cabreiros, Xermade.
A fórmula non é outra que unha adaptación dun costume vello como o mundo: o de xuntárense familias e veciños para botar contos, relatar historias e entoar cánticos ao fío dos labores cotiáns ou ao abrigo do lume nas invernías. Non só un pasatempo anterior ao cinema, a radio e a televisión, senón un método natural de instrución e de transmisión dos valores da comunidade, nomeadamente cando os libros eran un ben de luxo e poucos eran quen de descifralos. Esta usanza posúe froitos abondosos, o patrimonio oral inmaterial. Na recuperación, conservación e continuidade deste corpus levan máis de 15 anos traballando diversos colectivos.
"Só hai unha diferenza fundamental: agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso da Internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio", apunta Reigosa. Tamén agroman sucedidos marabillosos, misteriosos e divinos que conseguen fixar toponimias en desuso. A improvisación é outra das virtudes da xuntanza. En Figueirido, a paixón dos propios participantes callou nun debate solidamente argumentado a propósito da existencia da bruxería. O sector que negaba a vixencia dos feitizos, defendido en solitario por un veciño, foi abrumado polo outro con probas irrefutábeis da natureza verdadeira do meigallo.
Información provinte de http://www.elpais.com/articulo/Galicia/palabra/volta/elpepiautgal/20091120elpgal_19/Tes/

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas