Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Premios María Casares

25/3/10

Premios María Casares


Como xa facía prever a designación de finalistas, 'A Esmorga' de Sarabela Teatro, e 'O segredo dos Hoffman', de Lagarta Lagarta, foron as obras que acadaron máis premios na XIV edición dos María Casares. 'A Esmorga' recibiu cinco distincións: á mellor iluminación e mais á mellor escenografía, para Suso Díaz; á mellor adaptación, para Begoña Muñoz e Carlos Couceiro; ao mellor actor secundario, para Tito Asorey, e a mellor espectáculo.

Pola súa banda, 'O segredo dos Hoffman' obtivo catro premios: á mellor música orixinal, para Fran Pérez "Narf"; á mellor actriz secundaria, para Rebeca Montero; á mellor actriz protagonista, para Belén Constenla, e á mellor dirección, para Rosa Álvarez, premio compartido con Artur Trillo, por 'Palabras encadeadas', de Talía Teatro.

A montaxe de Talía tamén mereceu o premio ao mellor actor protagonista, que recaeu en Toño Casais. Outras tres obras recibiron cadanseu galardón: 'Testosterona', de Chévere, coa mellor maquillaxe para Fanybell; 'Bicharada', de Berrobambán, co mellor vestiario para Clito Vaello, e 'Shakespeare para Ignorantes', de Producións Teatrais Excéntricas, co mellor texto orixinal para Mofa & Befa.

A gala de entrega dos premios, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, tivo lugar este mércores no teatro Rosalía de Castro da Coruña. No seu decurso, intercaláronse pezas dun espectáculo musical inspirado no 'burlesque' e nas feiras ambulantes dos anos 30 do século pasado.
Vía Vieiros

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas