Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Facendo cine, en galego

15/4/10

Facendo cine, en galego


Un total de dous mil centros educativos poderán participar con traballos audiovisuais en lingua galega na II edición do Ouff Escola.
O Festival de Cine de Ourense ábrese por segundo ano consecutivo aos escolares non universitarios de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional a través da II edición do Ouff Escola. Nesta edición, un total de dous mil centros educativos de toda Galiza poderán participar con traballos audiovisuais en lingua galega. O obxectivo é triplo: incentivar a utilización do galego entre os mozos, potenciar o uso das novas tecnoloxías e crear un espazo de referencia para amosar a creatividade das aulas.

Tamén no Bierzo
Este ano a sección do festival incorporará algunhas novidades, como a posibilidade de que participen estudantes do Bierzo, onde o galego é unha materia optativa. Tamén se pide brevidade: os documentos audiovisuais que se presenten recortaranse até os 20 minutos, independentemente da súa duración inicial, para axilizar o concurso e o traballo do xurado. O prazo de presentación dos traballos, para os que hai unha temática libre, finalizará o vindeiro 15 de maio.

O ano pasado, no primeiro Ouff Escola, presentaráronse un total de 45 filmes procedentes de 40 centros educativos. O director do Festival, Enrique Nicanor, subliña que “ademais de potenciar a utilización do galego no audiovisual”, o certame serve para “incentivar a educación mediática” e para que “os mozos saiban escoller que queren e que non queren ver”. Ademais, destacou que a semente da pasada edición xa agromou, xa que un dos seus participantes preséntase este ano a concurso cun traballo profesional no propio Festival de Cine.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas