Blog da Biblioteca do IES de Curtis: O ramo de San Xoán

24/6/10

O ramo de San Xoán

Diferentes herbas, aromáticas ou non, e flores recollidas a véspera de San Xoán, posúen propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite. Resulta difícil establecer a lista das herbas que se han considerar como herbas de San Xoán, xa que se comproba unha gran variabilidade ao longo de Galicia. Si que se adoita dar a cifra de sete herbas diferentes.


A dedaleira, o fiuncho, o codeso, o fento macho, o trebisco, a espadana, a malveira, a artemisa, o romeu, a matricaria, a sempreviva, a herba luisa, a roseira ou follas de nogueira, de bieiteiro, de ameneiro ou de carballo.

Hai que deixar estas plantas e flores nunha talla con auga á intemperie durante a noite, e lavarse con elas na mañá seguinte; nalgures este lavado farase mirando ao Oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol. Deste xeito búscase curar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenecer a pel.
Tamén existe a crenza de que protexen a casa contra as meigas (que nesta noite andan especialmente libres polas rúas), colocando ramallos de flores nas portas e ventás. Esta propiedade protectora consérvana durante o resto do ano: hai que secar as herbas de San Xoán e dependuralas logo nalgún lugar da casa para evitar a entrada das meigas.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas