O mar castiga bravamente as penas,e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe!... ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta linea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as brasfemias se axuntan cos sospiros...
¿Onde van eses homes?
Dentro dun mes, no simiterio imenso
da Habana, ou nos seus bosques,
ide a ver que foi deles...
¡No eterno olvido para sempre dormen!...
¡Probes nais que os criaron,
i as que os agardan amorosas, probes!
1 comentario:
En blogues pola lingua propoñían facer unha entrada nos blogs poñendo un poema de Rosalía hoxe, baixo o título de: "Así descubrín a Rosalía..."
No meu caso seu nome está moi presenta na cidade, crecín rodeada polo nome na vidreira,na rua, no teatro, na estatua...
Os poemas os escoitara moitas veces pero a primeira vez que os lin foi na Librería Arenas, cando estaba no Cantón Grande, e voltei a casa co libro, prestei o libro ca súa obra completa moitas veces, unha delas non voltou.
Publicar un comentario