Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Philip Kerr - Bernie Gunther

14/8/10

Philip Kerr - Bernie Gunther

Pelo louro, ollos azuis, nariz roto. Nunha época onde a idea dun detective é uns cotenos de aceiro e un foco de luz, Bernard Gunther é un investigador honesto. Un xuíz da personalidade, rápido e preciso. Cínico, critica os nazis onde e con quen pode, pero non dubida en saudar co brazo en alto se as circunstancias o requiren. Sabe que vive nun mundo alporizado onde é normal que as persoas desaparezan e morran, malia iso non coñece o medo e non respecta a autoridade. Enfróntase a todos con humor, ironía e sinceridade, aínda a risco de que lle rompan a cara. É moi duro, non dubida en empregar o seu ferro (pistola) se se ten que defender ou considera que é o único modo de alcanzar a xustiza. A medida que envellece séntese culpable de estar vivo.

Sempre hai algunha muller na vida de Bernie: Frieda, Noreen Charalambides, Inge, Kirsten, Anna Yagubsky, pero as circunstancias ou a morte separarano de todas e cada unha delas.

As novelas de Kerr son xénero negro puro, unha homenaxe aos clásicos americanos nun contexto histórico e xeográfico totalmente diferente. As dúas primeiras transcorren no Berlín anterior á II Guerra Mundial. Da man de Bernie descubriremos un pobo alemán submiso, conformista e doadamente manipulable. Uns dirixentes europeos pasivos ata que xa é demasiado tarde. Os campos de concentración, a euxenesia, o antisemitismo, as crenzas espiritistas e mitolóxicas... a crueldade, a mentira, a hipocrisía dos nazis. E Jesse Owens triunfando sobre a suposta superioridade aria.

Philip Kerr naceu en Edinburgo en 1956. Estudou dereito na Universidade de Birmingham entre 1974 e 1980. Traballou como redactor publicitario en Saatchi & Saatchi nos 80. En 1989 escribiu a súa primeira novela. Actualmente vive en Londres, coa súa muller, a escritora Jane Thynne e os seus tres fillos. Tamén publica obras infantís co nome de P.B. Kerr.
Este autor decidiu un día internarse no mundo do nazismo. A partir dese momento naceu Bernie Gunther, o seu álter ego. A triloxía originial está composta por Violetas de Marzo (1989), Pálido Criminal (1990) e Réquiem Alemán (1991). Esta triloxía recibiu o nome de Berlin Noir, ás que habería que engadir Unos por otros (2006), Una llama misteriosa (2008) e Si los muertos no resucitan (2009) que recibiu o III Premio Internacional de Novela Negra RBA.

1 comentario:

Ronsel dijo...

Un dos grandes da novela negra!

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas