Manuel Rivas xoga cun serio handicap: son altas as expectativas que crea porque raras veces decepciona. Parte dunha posición condicionada, sempre por riba do esperable e, por tanto, os lectores xulgan máis esixentes as súas novas propostas. Con outros, máis novos, menos prometedores, a benevolencia evita censuras graves. Con Rivas, a lectura comeza con sospeitas, parangóns e permanente receo. Tamén é certo que a cambio os seus devotos perdoan os pequenos desfondamentos, os seus clichés demasiado familiares. Pero hai que recoñecerlle o desafío que supón sempre a súa saída á palestra cada certo tempo, cun bó grupo de lectores, nada inxenuos, que coñecen as súas zunas e o seu modo de narrar singular.
Esta novela de Todo é silencio (cuxo título rememora o verso rosaliano) tampouco defrauda esa determinación previa. Atopamos os signos inequívocos da narrativa de Rivas: a presencia simbólica e poderosa dos mapas ou da escola ou da figura do mestre ilustrado de estirpe republicana (neste caso co engadido tamén ilustrado dos indianos que construiron escolas por toda a xeografía galega); a zooloxía ou a botánica como fonte inesgotable de metáforas; os equívocos lingüísticos que Rivas anota en forma de lista no seu caderno habitual (como puiden ver eu nunha memorable para min ocasión en que tiven a honra de presentalo), as patoloxías siquiátricas (a epilepsia dun dos protagonistas, as ausencias, a adicción doutro, a tendencia melancólica que conduce á desesperación ou á negación dun mesmo) como punto de partida para o fluxo estrañado da conciencia; a onomástica ou os modismos como arranque enxeñoso de brincadeira; a épica que remata grotesca por contraste entre a gravidade do momento e o ridículo do esceario (como na anécdota do búho avisador); o lirismo marino de peixes e escuma (a descripción da praia, ese outro mapa ou croquis que un bota en falta como apéndice e que espero que Xerais achegue en vindeiras edicións); a retranca amablemente irreverente, inocua pero chusca, que impregna boa parte dos diálogos; a anatomía humana (unhas dedas, unhas unllas, o cabelo deses cancerbeiros do cemiterio) como síntoma do porvir.
Pero tamén atopamos a rica lingua de Rivas (léxico preciso, frases breves, case con ritmo de versos, parágrafos circulares, recurrentes) en perfecto estado de forma. A posible grandeza do libro reside nese aspecto, como ocorre case sempre cos seus textos, sexan novelas, contos, crónicas ou cortos artigos xornalísticos. Rivas, neste caso, escribe unha novela con claras compoñentes dramáticas. Eu auguro unha pronta versión cinematográfica ou mesmo unha posta en escea inmediata. A narración é máis ben unha sucesiva suma de escenificacións calculadas, con acotacións, descripcións precisas do lugar que ocupan no esceario (o bar, ese mundo coral de tanta teatralidade, pero tamén a escola abandonada, derruida, a comisaría, a habitación). Di el que escribe con/por golpes de mar. A composición da novela en corenta e cinco cadros, ao tempo divididos ás veces por pequenas esceas ou simplemente mediante a incorporación dun branco na páxina que ben pode representar un silencio ou a palpable mostra de que o narrador colle aire. Lembrei eu ao ler as súas declaracións o primeiro verso da famosa oda de Gimferrer: “Tiene el mar su mecánica como el amor sus símbolos.” Porque a pesar de que o libro parece escrito a pequenos e reducidos impulsos, estes, como as brazadas dos remos das dornas (esa metáfora que tanto gusta a Rivas de remar de cara á costa para ver o que vamos deixando atrás), levan un ritmo pautado, que ordenan o conxunto con precisión case matemática.
A historia que conta Rivas constitúe unha especie de epítome do mundo do narcotráfico nunha vila calquera das rías galegas. Para iso elixe unha poboación inventada, Brétema, construida por acumulación e ao tempo por síntese de todas, con eses elementos naturais (praia, peirao, duna, rochas, cons, vaos) que outorgan validez universal e identificatoria á paisaxe. O tempo, inconcreto mesmo na precisión de estacións ou de anos pero descifrable nos costumes, nas cancións ou nos modelos automobilísticos, vai desde os anos 70 do contrabando do tabaco (explicado de forma algo apresurada como derivación do estraperlo ou do comercio do wolfram) aos anos (máis ben na segunda parte) 80 ou 90 da fariña, da incorporación dos cárteles internacionais e da violencia extrema. O ambiente descrito, para quen vivira, por exemplo, no Cambados (as camisetas amarelas de fútbol tendidas ao sol) dos miñanco e dos charlíns, resulta tristemente coñecido a través dos continuos relatos que as xentes contaban naqueles días: adolescentes que contribuían ás descargas, partidas de billar ata as tantas da madrugada nun bar de carretera, as planeadoras á porta da casa en Tragove, os contrabandistas tomando o café no mesmo bar das tertulias fronte ao mar de frades. O telón de fondo e mesmo a fasquía de boa parte dos personaxes obedecen a materiais fascinantes que se poden atopar na boca de tantas persoas que viviron aquel tempo nas vilas da costa galega. Os secundarios desta novela de Rivas chegan a ter cara e rostro na miña memoria persoal: poden semellar ás veces demasiado tópicos (“Que diálogo! Mágoa de telenovela”, p. 123), pero tamén o mundo daquela tendía a recrear perfiles cinematográficos, en acenos ou en vocabulario aprendidos en películas, como recorda, entre outras, a extraordinaria Gomorra de Saviano ao describir o gusto dos capos da camorra napolitana por remedar aos gángsteres de O Padriño ou de Goodfellas ou nesta novela na predilección que amosan os protagonistas polos western, que eles chaman do oeste.
O que fai singular este relato é precisamente o que escapa a esa especie de operación de acrisolamento do narcotráfico: a colocación dos focos narrativos en tres protagonistas novos, un triángulo que nas primeiras esceas semella o modelo de Dous homes e un destino ou de Jules et Jim, que son os que dan coherencia e xustificación a todo o relato. Os primeiros cadros presentados a modo de xogos adolescentes con eles posúen unha forza extraordinaria e advirten ao lector afeito ás voces de Rivas de que todos eses momentos han cobrar interese a medida que van medrando. Fins Malpica, Leda Hortas e Víctor Rumbo forman a columna vertebral da novela e das súas propias historias van cobrándose ás dos demais. Nos paratextos desta novela se insiste na importancia doutro protagonista, o Mariscal, que aparece citado desde a primeira frase. Este personaxe, o capo máximo, cunha historia digna de ser contada polo miudo (cousa que elude Rivas, quen prefire o resumo, magnífico a pesar do teor algo esperable das peripecias), ofrece interese porque, de todos, é o único que ten algunha formación intelectual, o que lle permite a Rivas (non ao narrador que debería construirse autónomamente)* xogar coa súa innegable facilidade para as ocorrencias de corte lingüístico, aínda que abusa delas en moitas ocasións. Non é, porén, para min, e malia o intento de enriquecelo con matices contradictorios (a entrevista coa xornalista non é das mellores partes da novela), o verdadeiro protagonista do libro. Eu prefiro máis esa introspección ausente de Fins (a súa relación con Mara daría para algo máis, creo eu), a ambigua e silenciosa presencia dunha Leda contemplada desde lonxe ou a revoltosa e desacougante figura de Brinco, un dos personaxes se cadra máis atractivos da historia, a pesar da súa aparente vida salvaxe chea de tópicas anécdotas e historias máis ou menos adiviñables.
MAIS
Rivas, neste Blog
Páxinas
"Non hai ningunha lectura perigosa. O mal non entra nunca pola intelixencia cando o corazón está san"
Jacinto Benavente
Jacinto Benavente
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas
No hay comentarios:
Publicar un comentario