Blog da Biblioteca do IES de Curtis: O Apalpador

17/12/10

O Apalpador

Segundo a tradición oral que chegou aos nosos días, dende diversas comarcas da alta montaña luguesa, terras de Lóuzara, Courel e o Cebreiro, o personaxe que no Nadal visitaba os nenos e nenas galegos era o Apalpador, tamén coñecido como Pandigueiro nas terras de Trives.


Este xigante bo, de profesión carboeiro, fuma pipa, usa boina e viste un traxe esfarrapado cheo de remendos. Dende hai uns anos, ademais das montañas está a percorrer toda Galicia. Na noite do 24 ou do 31 de decembro tamén virá a Curtis para apalparlles a barriga aos máis cativos por ver se comeron ben durante todo o ano e deixarlles algúns xoguetes e agasallos.

A Deputación da Coruña e a CTNL veñen de editar unha guía de libros, discos, filmes, aparellos, camisolas e xogos para axudarche a facerlle as túas encargas.



Tamén podes consultar o catálogo ReGalemos galego, elaborado polo CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral.












Vaite logo, meu meniñ@

marcha agora para a camiña

que vai vir o Apalpador

a apalparche a barriguiña.



Xa chegou o día grande

día do noso Señor.

Xa chegou o día grande

e virá o Apalpador.



Mañá é dia de cachela,

que haberá gran nevarada

e há vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

Por aquela cemba

xa ven relumbrando

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo

1 comentario:

Unknown dijo...

Este ano veño dende O Caurel a traervos un simpático vídeo cunha canción e un baile para darme a coñecer entre @s máis pequen@s http://youtu.be/JmAfI4ucKJc

Ademáis podedes descargar a canción de balde e atopar máis recursos para a aula na web www.oapalpador.tk


Boas festas!

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas