Trátase dunha publicación na rede que editan Víctor Paz Morandeira e Eloy Domínguez Serén, amantes do sétimo arte e colaboradores activos en diversas publicacións. Ambos decidiron o pasado outubro, no marco do festival de Sitges, crear esta nova web para "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua", explica Víctor Paz.
Na súa páxina web traballarán ao redor de trinta colaboradores, entre os que se contan recoñecidos críticos como Jaime Pena -coordinador da programación do CGAI- ou cineastas da talla de Ángel Santos e Alberte Pagán. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico.
O principal foco de atención de A Cuarta Parede é o cine de autor de actualidade, aínda que Paz comenta que non se rexeitará "falar de temas máis atemporais que promovan un intenso debate fílmico".
Haberá seis seccións na web, con reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. O apartado Found Footage -Metraxe atopada- presenta un punto novidoso, xa que remite a fragmentos de filmes que son atopados "case por azar, descubertos nunha antiga e abandonada bobina", comenta Víctor Paz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario