Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Manifesto en favor da Lectura - Rosa Regás.

1/5/11

Manifesto en favor da Lectura - Rosa Regás.


Ao redor da lectura

A cultura cambia as nosas vidas, fainos máis
felices e mellores e abre ante nós todo un
mundo de posibilidades. Por suposto non a cultura
entendida como acto mediático, senón como transmisión
de coñecementos. Así é como progresa a
sociedade.


A economía, a riqueza, o diñeiro fannos máis
ricos pero non mellores, nin máis lúcidos, nin máis loitadores,
nin máis solidarios. O diñeiro converte unha
sociedade pobre nunha sociedade opulenta, ou polo menos
parte dela, pero non mellor.


Por iso é polo que a lectura que constitúe unha das
grandes armas da cultura, ademais de ser unha
fonte inesgotable de pracer porque pon en marcha
as nosas facultades mentais, como a fantasía, a
memoria, a experiencia ou a intelixencia, sexa un
dos elementos máis importantes para que a
cultura chegue ao interior das nosas conciencias.


Calquera coñecemento entrará máis profundamente
na nosa mente se atopa un terreo abonado,
é dicir, se atopa esa mente preparada e aberta.


Só a cultura pode transmitirnos a necesidade
profunda de coñecer e defender todos os dereitos
humanos pero sobre todo os dereitos fundamentais
de igualdade, xustiza e liberdade; a través dela
chegaremos a sentir o horror que provocan as
desigualdades a que están sometidos tantos seres
humanos por cuestións raciais, relixiosas, culturais
e económicas, e entenderemos o mancar
que supón para eles a falta de educación, a
pobreza, a vida en países arrasados por conflitos
armados.


Porque coa lectura saímos do reduto
do noso pequeno mundo, o que herdamos
ou que nos impuxeron, e vemos a vida e os seus
conflitos cos ollos dos demais.


É así como
aprendemos a respectar as ideas alleas e somos
capaces de atopar un camiño á solución dos
conflitos, e como se forma o noso criterio que nos conduce ao camiño da liberdade.


Por isto son importantes os libros e o pracer que
proporciona a súa lectura, porque axudan a desenvolver
a nosa mente, a nosa imaxinación, as nosas
emocións pero sobre todo a nosa intelixencia.


Ás veces, tanto se somos nenos como adultos como
anciáns, ler fáisenos difícil porque non estamos
feitos ao movemento da nosa mente e sentímonos
cansados, contrariamente ao que ocorre
cando practicamos tantos praceres pasivos que
deixan ao noso intelecto inmóbil e tan baleiro como
estaba antes de comezar.


Pero se seguimos fieis á
lectura entramos aos poucos no infinito e
complexo mundo dunha realidade que non ten fin,
que abarca toda a historia de todos os tempos,
toda a creación que foron capaces de levar a cabo
os que nos precederon e os que viven
aínda hoxe entre nós, e alcanzamos un pracer
distinto, o da plenitude que sentimos ao recrear,
como verdadeiros creadores, a historia que estamos
lendo, e ao pór en marcha intelecto, emocións,
creatividade e máis curiosidade para ir en busca de máis
coñecemento e de máis imaxinación.


Coa lectura aprendemos a mirar ao noso ao redor,
ao mundo en que vivimos, a ter o noso
propio criterio sobre o que ocorre nel, e en consecuencia
a ser máis libres e a non aceptar o que nos digan os poderosos ou os que pretenden convencernos
ou impor en beneficio propio as súas ideas, sen que
antes pase polo noso intelecto que xa
está preparado para emitir xuízos e tomar decisións
propias, nin herdadas nin aceptadas a cegas.
Así é como poderemos converternos en persoas
lúcidas e conscientes, capaces de loitar, cada cal
ao seu xeito e coas súas posibilidades, polos nosos
dereitos e os dereitos dos demais.


Porque o
coñecemento fainos solidarios, e non actuamos por obrigación,
nin por deber, nin sequera por caridade cos
máis necesitados, senón por xustiza. Porque camiñamos
en liberdade e só así poderemos axudar a construír
un mundo mellor.

Rosa Regás






No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas