RUBÉN RUIBAL
OBRA
Peter Buckley
Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico “Diario Cultural” da Radio Galega pola súa obra “Peter Buckley”, protagonizada polo boxeador británico Peter Buckley, un eterno perdedor que procuraba ser o campión mundial en derrotas. A obra céntrase en como o personaxe vive o seu último asalto, rodeado do seu adestrador e do árbitro que o acompañan no final da súa carreira de derrotas mentres lle zoscan por última vez na súa vida. Peter Buckley foi a peza gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní– destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O libro cedé coeditado por Xerais e a Radio Galega, ademais da obra gañadora, inclúe os textos e as gravacións das outras dúas finalistas, Servizo de Información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira.
Delimvois
Premio da asociación de Escritores en Lingua Galega (Teatro) 2010
Delimvois (ou dlmvs) é a muralla científica que protexe e rodea unha das cidades do Estado Único. A partir dun texto de Jacobo Paz, «Estado Único», baseado no «Nós» de Yevgueni Zamiatin, Delimvois de Rubén Ruibal quere explorar os límites mentais, os marcos ideolóxicos, as fronteiras de palabras e pensamento nas que dous homes coa memoria borrada e unha aparente muller, científica eminente que experimenta con eles, descobren a súa carne, a súa identidade e mesmo a súa ledicia. Ela, á quen chamarán Castro, é a responsable dun urxente estudo para a optimización do Subministrador Único de Coñecemento, o sistema que mantén a orde, a felcidade e a unanimidade da cidade e que ameaza con colapsar. Pero durante o proceso o pasado agromará descubríndolle aspectos que non sospeitaba da organización do seu mundo e verase abocada a tomar decisións antes impensables.
Limpeza de sangue
3ª Edición - XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005 - Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007 - Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2011
Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.
FONTE: xerais.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario