A tradición oral de Galicia conta desde agora cunha nova ferramenta de consulta e referencia: o Refraneiro Galego para iOS, unha aplicación para móbiles que permite consultar case 10.000 refráns diferentes desde trebellos como o iPhone, o iPod ou o iPad. Desde o pasado xoves está dispoñible na Apple Store esta anovadora aplicación, que trata de achegar o patrimonio cultural galego e a tradición oral do país ás tecnoloxías da información e as redes sociais.
A aplicación, que se vende por 0,79 euros, permite consultar en modo offline (sen necesidade de estar conectado a internet) os 9.500 refráns que forman esta colección do Refraneiro Galego, visualizándoos en modo aleatorio ou mediante a busca por palabras. Tamén é posible gardar os refráns preferidos na sección favoritos, así como compartilos pola rede vía correo electrónico, Facebook ou Twitter. O Refraneiro Galego para iOS tamén inclúe un sistema de alerta opcional que permite recibir no teléfono un refrán diferente cada día ou cada semana sen ter que abrir a aplicación.
Unha ferramenta útil, entretida e divulgativa; unha xoia da tradición oral e da sabedoría popular de Galicia. E é que? non hai refrán vello que non sexa verdadeiro!!
A aplicación do Refraneiro Galego para iPhone tamén conta cunha versión reducida na rede: www.refraneirogalego.com, unha web que publica novos refráns diariamente e onde calquera pode enviar as súas suxerencias, do mesmo xeito que no Facebook e no Twitter (@RefraneiroGZ).
O Refraneiro Galego para iOS é un proxecto persoal da xornalista coruñesa Pilar Mera, encargada de recompliar os case 10.000 refráns, deseñar a interface da aplicación e poñer en marcha a web e os perfís en facebook e twitter do Refraneiro, todo baixo o alias de Decrecemento Feliz. Canto ao código, a programación do Refraneiro está asinada por Víctor Pena e Esteban Bouza, os dous enxeñeiros informáticos que forman o selo Filloa Dev e autores de O Tempo, outra aplicación para móbiles publicada en xaneiro de 2011 e que ofrece con detalle e actualizacións frecuentes todas as predicións e informacións meteorolóxicas de Galicia.
GaliciaHoxe.com 14.09.2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario