Existen varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra. Hai quen a fai vir do latín magnus ustus, gran fogueira, dentro dos cultos ígneos que, como a noite de San Xoán, marcaban o paso das estacións; outros, de magnus, que significaría ou ben magno, grande, ou ben mago, maxia; e outros do celta mag, campo.

O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, día de Tódolos Santos, se ben en Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, retrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.O magosto celebrábase nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa.
Historiadores como Manuel Murguía relacionaban esta festa cos defuntos considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Xosé Ramón Mariño Ferro, recoñecido antropólogo galego, tamén escribiu que a castaña é símbolo de vida que combate á morte: de aí que apareza nos ritos funerarios.

No hay comentarios:
Publicar un comentario