A versión cinematográfica, que leva por título Sinbad, pecha o ano de homenaxe a Álvaro Cunqueiro no centenario do seu nacemento e aos 50 anos da publicación da súa obra Se o vello Sinbad volvese ás illas. A película estrouse o pasado día 28. Despois de percorrer vilas e cidades galegas será presentada en festivais internacionais.
Baixo a dirección de Antón Dobao, Xosé Olveira “Pico”, volve a meterse na pel do mariñeiro recreado por Cunqueiro, tralo ter representado no teatro en 1999 na montaxe de Quico Cadaval. Sara Casasnovas, Mariña Sampedro, Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán “Morris”, Mariana Carballal, Camila Bossa, Miquel Ínsua e Mela Casal completan o reparto encabezado por “Pico” Olveira.
Todos xuntos narran a historia de Sinbad, o vello mariñeiro reinterpretado pola imaxinación de Cunqueiro na novela Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Nesta obra o personaxe de As mil e unha noites é presentado como un mariñeiro vello que, retirado no país de Bolanda, ten que inventar diariamente historias diante de amigos e veciños para manter o prestixio.
A sinopse coa que se presenta a película é a seguinte: nunha vila mariñeira, un home ve transcorrer a vida de forma apracible, entre o coidado do seu horto, os seus paseos a carón do mar e o seu amor pola fabulación. Chámase Aurelio, pero prefire que lle chamen Sinbad, coma o vello e famoso mariñeiro, porque igual ca el navegou mares reais e -talvez- imaxinarios, coñeceu lugares e personaxes extraordinarios e foi testemuña e protagonista de feitos fantásticos. Sinbad non só é experto nos camiños do mar; tamén coñece os misterios e as marabillas do Cosmos e soña con percorrer algunha das súas rutas. A Sinbad acompáñao Sara, unha nena que aprende con el os segredos deses mundos fantásticos propios de soños e memorias. Sara é o elo que une a Sinbad co seu último proxecto: pilotar unha nave extraordinaria que o leve, a través de mares e universos descoñecidos, ás Illas Cotovías.
No hay comentarios:
Publicar un comentario