Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
O tema deste ano é 12 + 1. O Salón indagará nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números: 12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trevo de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor.
O autor homenaxeado de 2012 é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo en 1940, autor de Das cousas de Ramón Lamote.
Está a piques de comezar o Salón 12+1. Crucemos os dedos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario