Blog da Biblioteca do IES de Curtis: AS LETRAS GALEGAS

17/5/12

AS LETRAS GALEGAS

 
 Cando  se  publicou Cantares Gallegos, o 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro non imaxinaba a transcendencia que esa obra ía ter na historia da nosa literatura, nin que esa data sería recordada ano tras ano para simbolizar o recoñecemento e a necesaria valoración dunha cultura, dunha lingua e dun pobo. A institucionalización da celebración do Día das Letras Galegas abriu a porta ao coñecemento e ao recoñecemento de figuras da nosa literatura.
 O ano pasado  descubrimos a un autor que rompía os moldes do que se consideraba un escritor no sentido tradicional da palabra. Lois Pereiro ensinounos que a vivencia da música non está desvencellada da cultura e a poesía  e  que o coñecemento das tendencias que pululan polo mundo non son incompatibles coa galeguidade. Foi, sen dúbida, un autor singular.


 O homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade, representa a vivencia de Galicia dende múltiples e variadas facetas. O seu labor como xornalista, ensaísta, poeta, político e empresario convérteo nunha figura  plural e senlleira da nosa cultura, entendida esta no sentido máis amplo  da palabra. O seu traballo como empresario e a súa vinculación ao grupo Pescanova destacan especialmente que  o seu compromiso non só foi  teórico e intelectual. Foi moito máis alá e  concebiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente, no cambio, na modernización, no progreso.  En palabras do escritor Manuel Rivas: "Galicia para el era unha utopía realizable".
Sirva a festa das nosas letras para que  o alumnado nas aulas  e tamén o resto da sociedade  se achegue a persoeiros que, doutro xeito, pasarían sen o impresindíbel recoñecemento do seu labor en prol da nosa cultura.





No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas