Blog da Biblioteca do IES de Curtis: PREMIOS XERAIS

11/6/12

PREMIOS XERAIS

O pasado sábado 9 de xuño a Illa de San Simón acolleu  a 29ª edición do Premio de Novela da editorial Xerais e a número 27 do Premio Merlín de Literatura Infantil.

A obra Tonas de laranxa de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguéns  (pai e filla), foi a gañadora do Premio Xerais de Novela 2012 . Os membros do xurado salientaron o rápido acordo: «Tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rápida elección por unanimidade. Quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro».

María Lorenzo Miguéns (Tarrío, Dodro, 1986) é licenciada en Comunicación Audiovisual e na actualidade cursa estudos para a obtención do grao en Mestre de Primaria. O seu pai, Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío, Dodro, 1957) é mestre en Educación Primaria, licenciado en Filosofía e Historia da Arte e imparte clase nun instituto en Padrón. Ambos os dous son case descoñecidos no panorama literario. O coautor da novela explicou a peculiaridade da escrita conxunta: «Todas as obras son anónimas. Todas son colectivas. Para ir tecendo estas historias de ensoños, reloxos e laranxas fomos collendo palabras de aquí e de acolá, xuncas das Brañas de Laíño. Nunha lingua antiga. Irrenunciable».

O outro galardoado foi Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), que recolleu o Premio Merlín por Palabras de auga. Esta obra narra a aventura de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. Segundo o xurado, que tamén foi unánime, «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente». O autor,  avogado de profesión e coñecido por obras como O pintor do sombreiro de malvas, sinalou que “ o Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ver o meu nome aí canda os de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, An Alfaya e tanto outros éncheme de orgullo”.

Parabéns aos premiados!

Agardamos impacientes a incorporación destas novidades aos fondos da nosa bibioteca .

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas