Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Novo libro de Manuel Rivas

20/10/12

Novo libro de Manuel Rivas

 O pasado mércores, 17 de outubro, presentouse na  Biblioteca de Estudos Locais da Coruña   As voces baixas, a última novela de Manuel Rivas. O acto contou coa presenza do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; e do autor, Manuel Rivas Barrós.
O novo libro de Manuel Rivas ofrece unha visión panorámica e intimista da Coruña popular dos anos 50 e 60, mesturando elementos de ficción e autobiográficos.  Constitúe tamén un relato da iniciación á vida por parte  dos irmáns Manuel e María Rivas. O libro incorpora fotografías do álbum persoal do autor.
“O relato dos afáns dos membros dunha familia traballadora –un albanel, unha leiteira e catro fillos, que constrúen a súa vida, primeiro na rúa da Marola do Monte Alto e logo en Castro de Elviña, onde rolan os ventos– é a novela da vida de todos os humildes e todos os anónimos” comenta o seu editor no blog de Xerais .
Pola súa parte, o autor confesou a súa intención de escribir esta novela "en cuarta persoa; unha narración entre o persoal e o colectivo e que ten lugar tamén nun tempo entre o pasado e o presente, como o parlamento de Max Estrella na cadea cun obreiro catalán en Luces de Bohemia"
 Coincide a presentación desta obra coa estrea do filme Todo é silencio baseado na novela homónima do escritor galego. Como xa acontecera con A lingua das bolboretas, José Luís Cuerda é o director desta adaptación cinematográfica que inaugura hoxe  a 57 edición da   Semana  Internacional de Cine de Valladolid. A película, tal e como demos conta neste blog, foi rodada en Galicia e contou co propio autor da novela como guionista.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas