Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Para ler no Samaín

31/10/12

Para ler no Samaín

 Hoxe recomendámosvos a lectura do último libro de Agustín Fernández Paz: As fronteiras do medo , recentemente  incorporado aos fondos da nosa biblioteca.  Con este  título  tan suxestivo e apropiado para estes días de Samaín, a temática dos seis contos que o integran é doadamente deducible. Velaí un fragmento dun dos  relatos que leva por título  A Porta do Alén:

 Debe saber que no mundo hai determinados lugares, case sempre de carácter sagrado, que albergan as Portas do Alén. Reciben ese nome por seren  as que comunican o mundo dos humanos co dos espíritos superiores, que son inmortais de seu. Deuses, demos e outros seres do trasmundo utilízanas para introducirse no noso e influír na evolución da humanidade. Mais estas portas só abren unha noite do ano, a do último  día de outubro, cando comeza o ciclo anual en moitas civilizacións antigas.
Se unha persoa consegue entrar por algunha das Portas no momento en que abre e logra permanecer do outro lado durante un curto período de tempo, acadará a condición de inmortal. Mais corre un perigo terrible, como é o quedar atrapado no Alén, condenado a ser escravo de certas criaturas que alí viven. Por iso  debe regresar antes de que a porta se cerre de novo, coa certeza de que  volverá transmutada nunha persoa inmortal. (Fernández Paz, As fronteiras do medo, páx. 36)


A lectura de As fronteiras do medo  e o misterio da Porta do Alén agárdanvos. Quen se atreve a seguir lendo?

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas