Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Xabier López gaña o Premio Xerais de novela

9/6/13

Xabier López gaña o Premio Xerais de novela

 O pasado sábado celebrouse na illa de San Simón a trixésima edición dos Premios  Xerais e Merlín.

Xabier López,  escritor  natural de Bergondo e veciño de Betanzos,  foi premiado pola súa obra Cadeas, unha "novela de novelas que denota unha prodixiosa capacidade para fabular, recrear e imaxinar". A obra destaca igualmente porque está "ateigada de personaxes magníficamente ben construídos, cruzada de referencias culturais e enraizada na tradición fabuladora da terra sobre a que escribe", segundo a opinión do xurado.

Xabier López conta cunha ampla traxectoria literaria na que destacan publicacións como A vella quenlla perdeu os dentes (2005, Edebé-Rodeira) Os libros prestados (2010, Galaxia) ou  Cando Artur non era rei (2012, Galaxia)  incorporado recentemente aos fondos da nosa biblioteca.


A novela O castañeiro de abril de Antonio Fraga (Pontedeume, 1976) foi elixida unanimemente como merecedora do Premio Merlín de literatura infantil. O libro narra a historia de Baltasar, un neno cego que vive nun barrio gris baixo o xugo de dúas tías crueis cuxa vida dá un envorco aventureiro cando coñece ao personaxe que dá título á novela.

 O escritor Xabier Docampo, autor de obras tan coñecidas como O misterio das badaladas (1984, Vía Láctea), Cando petan na porta pola noite (1994, Xerais) ou O pazo baleiro  (1997, Xerais), actuou de mantedor do acto e animou aos rapaces e rapazas a «facer da lectura un acto de rebeldía», «procurando unha nova luz no túnel escuro do futuro».



No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas