Blog da Biblioteca do IES de Curtis: TEMPO DE MEDO...

3/11/14

TEMPO DE MEDO...

O EFECTO DA LÚA CHEA

A Pedriña era unha señora de avanzada idade que todos os días ás 7:00 da tarde ía co seu home, Pepe do Vinculeiro,  recoller as vacas. Un día esqueceuse de que tiña que ir buscar os seus animais ao Cordal: cando se  deu conta eran as 12:00 da noite. Saíu da súa casa e viuse envolta pola escuridade e os lóstregos, os cans ladraban ao lonxe…

Chegando ao monte escoitou ouvear os lobos;  moi inqueda mirou cara atrás e viuse acurralada por sombras que non sabía de onde viñan. Botouse a correr para chegar canto antes ata onde deixara as súas vacas. Esgotada e toda mollada pola tromba de auga que caía, chegou ao Cordal e viu que os seus animais estaban rodeados por unha manda de lobos.

De súpeto, as bestas botáronse enriba delas e comezaron a atacalas. As vacas empezaron a tremer e a facer uns ruidos ben raros. A muller,   sorprendida pola maneira de comportárense os seus animais,   botou a correr co fin de  levalos para a casa. O que non podía imaxinar ela era  que  algo sorprendente acababa de pasar: as vacas volvéranse carnívoras polo efecto da lúa chea e resistíanse ao ataque dos lobos.
Nun intre, viu que ían cara a ela para atacala: a que estaba máis lonxe tirouna ao chan e todas comezaron a trabarlle. Coméronlle un pedazo do brazo e a perna dereita ata deixala medio morta nunha poza de sangue. 


O Vinculeiro,  inquedo na súa casa pola tardanza da súa dona, colleu a chaqueta, puxo as botas de goma e botouse a andar cara ao Cordal. Cando chegou ao  prado, atopou a muller tirada na entrada da leira: estaba morta,  xa que fora arrastrada polas vacas e batira cun croio na cabeza. O pobre home non daba creto ao que estaba a ver: axeonllouse para tocala e caeu morto aos seus pés, vítima da impresión.

Os familiares, desesperados pola ausencia da parella, foron na súa busca: como nos os atopaban despois de varias horas buscandoos, decidiron comunicarllo á garda civil. Despois de moito percorrer os arredores, atopáronos na entrada da súa leira tirados un ao carón do outro.

Eles non querían testemuñar a súa morte sen saber antes a causa da  defunción: decidiron facerlles a autopsia. No informe da Pedriña poñía que morrera desangrada porque as súas propias vacas lle trabaran. No do Vinculeiro poñía que sufrira un infarto, probablemente ao ver a súa muller morta.

Cando a familia coñeceu as causas da morte, decidiron matar as vacas xa que estaban tolas. Así non causarían máis desgrazas.


Este relato é unha creación colectiva feita por Amanda López, Daniel Peteiro, Sonia Martínez e Lidia Pereira, todos eles alumnos de   4º ESO  C

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas