Blog da Biblioteca do IES de Curtis: E visitounos Riveiro Coello...

19/2/16

E visitounos Riveiro Coello...



A comezos de febreiro visitounos Riveiro Coello. No distendido encontro que mantivemos con el falounos da súa vida e de como xurdiu nel a vocación de escritor. Os comentarios literarios xiraron arredor d´A quinta de Saler, obra de lectura obrigada para nós no pasado trimestre. Ademais, achegou información de moito interese sobre o Couto Mixto, unha realidade ben coñecida por el a través das súas relacións familiares.

A afabilidade e a simpatía foron as notas predominantes do seu carácter e contribuíron- como el pretendía- a derrubar a mitificación da figura do escritor. As anécdotas da súa vida lograron que nós, como adolescentes inseguros que somos, nos sentísemos totalmente reflectidos nas súas palabras.

Ainhoa Vázquez e Olalla Pérez, de 1º bacharelato B foron as encargadas da súa presentación. Mentres que Alicia Seoane e Tamara Cao, de 1º bacharelato A, lle  fixeron unha interesante entrevista.

A seguir, recollemos algunhas opinións sobre a xornada:

A experiencia da charla foi moi agradable e amena. O autor demostrou moita humanidade e deunos unhas entretidas explicacións sobre a súa vida e a súa obra literaria.

Elvira Sánchez, 1º Bach C


Pareceume moi interesante que  nos  comentara que escribir un libro non é só  narrar unha historia, hai todo un traballo de documentación detrás sobre a época, os lugares, os datos históricos…

Ana Belén Vázquez, 1º Bach C


A visita de Riveiro Coello resultoume moi interesante.  Chamoume a atención o  que nos comentou  de que el, á nosa idade, tampouco sabía a que se ía dedicar profesionalmente. O seu comentario tranquilizou  a moitos de nós que aínda estamos padecendo esa indecisión.

Noelia López, 1º Bach C


O que máis me gustou do encontro foi saber  a historia do Couto Mixto e a razón pola que escolleu ese lugar para ambientar  A Quinta de Saler.

Brenda Pérez,  1º Bach C



Creo que o escritor tiña moita facilidade para falar sobre a súa vida e a súa obra sen que resultase aburrido. Pareceume un profesional con grandes dotes para contar boas historias e moi comprometido co seu traballo.

Iago Bermejo, 1º Bach C

Interesoume moito saber o motivo polo que decidiu ambientar a novela no Couto Mixto, facendo referencia á súa vinculación familiar con esta zona. Tamén me gustou a súa proximidade, sobre todo nos relatos das anécdotas da súa vida.

Daniel Cardesín, 1º Bach B



Foi unha sesión moi acolledora, xa que o noso convidado se amosou cercano en todo momento. Penso que conseguiu gañar a atención de todos os presentes rapidamente. Realmente resultou ameno e entretido. Moitas grazas, Antón, pola túa visita.

Alicia Seoane Freire, 1º Bach A



Algo que me chamou moito a atención no encontro con Riveiro Coello foi saber que antes de escritor fora músico e ata tivera oportunidade de pertencer ao grupo Los Suaves, pero non contara coa aprobación paterna. Logo, cando falou da súa mocidade, rin moito coa historia de como coñeceu á súa muller. Foi unha xornada entretida e moi interesante.

Antonio Sánchez Vilariño, 1º Bach A



O que máis me gustou foi a cercanía do autor. Contounos anécdotas da súa vida moi interesantes e graciosas. Agora cando volva ler outra obra súa terei unha perspectiva diferente, porque o coñecín en persoa e porque nos contou como aborda o proceso da escrita. Mágoa que quedaran aínda moitas preguntas por responder.

Aylín Penas Holguín, 1º Bach A



O encontro con Riveiro Coello foi unha grande oportunidade para coñecelo mellor e, sobre todo, para saber que hai detrás dun libro. O que máis me gustou foi a proximidade e que creou un ambiente moi acolledor e animounos a introducirnos no mundo da lectura e da escrita.

Marta García Méndez, 1º Bach A



Riveiro Coello amosouse no noso centro como unha persoa moi interesante e con moitas historias que contar, máis aló dos libros que escribiu. Falounos da súa infancia e dos comezos como escritor, algo que sempre resulta sorprendente para rapaces coma nós, xa que aconteceu cando tiña a nosa idade. Debullou tamén o seu proceso de escrita e explicounos distintos aspectos da novela.

Ademais da indubidable valía do escritor, está a persoa que sabe transmitir as historias vividas e fai que nos sintamos identificados con elas. 

Diego Rivadulla Sánchez, 1º Bach A



Interesantísima e moi entretida a charla. Coñecemos, entre outras moitas cousas relacionadas coa súa vida e coa súa obra, a positiva opinión que ten sobre a cultura galega actual e a súa situación, soubemos por que escribe en galego e mesmo o seu rexeitamento cara ás políticas que non defenden a cultura.

Pedro Liñeira Rey, 1º Bach A



O autor respondeu con humor e fixo que a sesión fose moi levadeiro. Quedou curto o tempo que houbo para realizar preguntas, pero aínda así puidemos disfrutar da cercanía do autor e do bo tempo pasado.

Iago Ascariz, 1º Bach A



Chamoume a atención que bote man de persoas do seu arredor como a familia e os amigos para caracterizar os personaxes das súas obras. Tamén a presenza reiterada da figura do avó, xa que era  moi importante para el.

Andrea Cabo Lamas, 1º Bach A



O máis sorprendente foi que nos dixo que cando era pequeno non tiña nin idea de que ía acabar sendo escritor, aínda que recoñeceu que todos os profesores eloxiaban a súa redacción e que ten aprobado moitos exames grazas a iso.

Laura Valiño Ares, º Bach A



Díxonos que recordaba moi ben a súa visita ao centro hai dezaseis anos, xa que era unha das primeiras veces que mantiña encontros cos lectores, e que o recordo era grato xa que fora moi ben acollido en Curtis.

Daniel Quintela Casal, 1º Bach A



O mellor momento foi cando dixo: "Agora se tedes algunha pregunta contéstovola encantado", e a xente empezou a preguntar sobre A Quinta.  A súa visita axudounos a achegarnos máis á escrita en galego e a despexar as dúbidas sobre o escritor e a obra.

Nicolás Ares Paredes, 1º Bach A



Gustoume que mesturase anécdotas persoais e que crease un ambiente distendido e acolledor. Botei en falta que se "mollase" máis nalgunhas preguntas formuladas na entrevista.

Andrea Seoane Vázquez, 1º Bach A



Gustoume saber o motivo polo que A quinta está ambientada no Couto Mixto, lugar  de orixe dos seus avós maternos, o que o levou a documentarse para escribila. Tamén o motivo polo que o final da obra é tan inesperado e que se fose hoxe sería diferente.

Paula Sánchez Merelas, 1º Bach A

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas