Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Anti Natura

23/11/08

Anti Natura



Anti natura é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública

1 comentario:

Curtisbiblio dijo...

A presidenta da Rede Europea de Loita Contra as Mutilacións Sexuais, a senegalesa Khady Koita, está en Galiza para recibir, esta sexta feira na Coruña, un premio polo seu activismo na defensa das pequenas que son vítimas da ablación, concedido pola Fundación Terra de Homes.

Á súa chegada á nosa terra, Koita denunciou, ante os medios, que 30 millóns de nenas sofren mutilacións xenitais cada ano en 30 países de todo o mundo, e que xa son 140 millóns as cativas que xa foron vítimas desta práctica, habitual na meirande parte de África, e nalgúns países de Europa, Indonesia e o Iemen. A activista tamén lembrou que estas mutilacións -que moitas veces van alén da ablación do clítoris, xa que, en ocasións, se extirpan os labios maiores e menores da vaxina-, "levan aparelladas graves consecuencias para a reproducción", ademais de contribuír a aumentar o índice de mortalidade infantil, xa que esta práctica se realiza "en condicións infrahumanas", sen anestesia e con materiais como follas de afeitar ou cristais.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas