Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Flores de Dunsinane

20/10/09

Flores de Dunsinane



Unha peza sobre a conciencia humana que se inspira no Macbeth de Shakespeare coa que Manuel Lourenzo resultou onte gañador da edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, galardón que recibiu de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, no acto de apertura da XVII Feira Galega das Artes Escénicas
O xurado destacou do texto gañador o seu ritmo, así como "o emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente". En Flores de Dunsinane, Lourenzo reinterpreta o Macbeth de Shakespeare, centrando o argumento en Fleance, fillo de Banquo. O compañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello e moribundo, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, cos que revive o reinado sanguento destes.

3 comentarios:

Curtisbiblio dijo...

Manuel Lourenzo é un dos principais nomes da escena galega. Foi cofundador do Grupo de Teatro O Facho, o Grupo de Teatro Circo, Escola Dramática Galega, os Cadernos da Escola Dramática Galega, Casahamlet... Recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997

Curtisbiblio dijo...

O IV Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para Sopa de xarope de amora, de Xosé A. Neira Cruz, quen obtén por segundo ano consecutivo un dos premios literarios convocados pola Agadic, despois de que a súa obra O punto da escarola fora recoñecida en 2008 co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces.
Sopa de xarope de amora é, segundo o ditame do xurado, "unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmosfera que estimula a imaxinación". No ditame destácase, así mesmo, a boa resolución dramática tanto dos personaxes coma dos escenarios onde se desenvolve a acción. Xornalista, profesor universitario e autor especializado en literatura infantil, Neira Cruz presenta nesta obra as peripecias do doutor Amorodo, científico ao servizo das casas reais, que vive completamente namorado de dona Chismunda. O humor, a parodia das linguaxes teatrais e televisivas e a crítica aos poderes establecidos están presentes ao longo de toda a historia.

Curtisbiblio dijo...

Canto ao VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Auga que non vas beber..., de Ignacio Vilariño Sanmartín, foi a obra galardoada na categoría de teatro para adultos. Neste caso, o xurado valorou a axilidade e a ironía dun texto que "entronca co teatro de Cachiporra na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste". Cunha ampla traxectoria profesional no ámbito do teatro de monicreques, na actualidade Vilariño dirixe a compañía Fantoches Baj. En Auga que non vas beber..., constrúe un "musical satírico para marionetas" que, inspirado na tradición oral anticlerical ibérica, conta os amoríos do Padre Damián, párroco de Agolada.
Na modalidade de teatro para rapaces, o Barriga Verde recaeu en Begoña García con Bon appétit, que o xurado define como "unha peza de estrutura clásica que ofrece un canto á gastronomía", na que están "moi ben aderezados" os ingredientes dramáticos e culinarios, ademais de adaptarse perfectamente ao teatro de monicreques.
Actriz e autora teatral, nos últimos anos Begoña García centrouse na escrita de guións audiovisuais e de textos para a escena e para a radio .

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas