Vai-te logo meu ninín,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.
Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
5 comentarios:
A cantiga de Amadora de Galego
O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.
A tradición, recollida por Lôpez Gonçâlez nas comarcas do Courel, Lóuzara e o Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Hai quen cre que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.
Ademais, nos últimos días sóubose dun outro nome que leva esta figura no sur do país: O Pandigueiro. Este baixaba da Cabeza Grande pola banda de Trives e de que se agochaba na Raíña Loba pola banda do val do Salas. A cantiga chamábao: "Pandigueiro na noitiña, Pandigueiro vén axiña".
Máis información
http://www.vieiros.com/nova/71036/ai-ven-o-apalpador
Dorme meu neno, dorme carabeliño
que sae o Apalpador, do seu acochiño
e baixa dos montes, cheiño de frio
e quere atoparte, no leito dormido.
Dorme meu anxo, que o Apalpador
quentará ben a lareira
co seu mouro carbon
dorme dozura, que e carboeiro
e quenta as mantiñas
e amornache o leito..
Dorme que ben, a apalparche
e aloumiñarche a barriguiña
e a deixarche para o almorzo
castañas ben quentiñas...
Dorme que fora, caen folerpas frias
e o Apalpador fai o seu traballo
para encher as barriguiñas
dos meniños rebuldeiros
e das fermosas neniñas
dorme..dorme meu ben
dorme miña rosiña...
Máis dibuxos do Apalpador de Leandro Lamas en
http://leandrolamas.blogspot.com/search/label/apalpador
Publicar un comentario