06.05.2011 Xaime Toxo debuta nas letras galegas cunha obra sobre "o mapa do fracaso dunha xeración" que podreceu no tardofranquismo
VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
Xaime Toxo, onte en Compostela, antes da presentación do libro FOTO: antonio hernández |
O escritor e pedagogo Xaime Toxo retrata na súa primeira obra, As palabras que move o mar ,"o mapa do fracaso dunha xeración", as feridas dunha sociedade que "podrecía" no tardofranquismo. O autor reúne catro relatos, tinguidos de autobiografía e inseridos como un crebacabezas literario, coa "memoria, o mar e a vida das vilas mariñeiras" na Galicia de mediados dos anos 70 como nexo de unión. A crítica e os lectores están a darlle moitas alegrías a Xaime Toxo (Bueu, 1955) que onte presentou na Feira do Libro de Santiago a súa ópera prima, editado por Xerais.
Os recordos, a memoria dos protagonistas do libro convértense en algo "presente, activo e dinámico", explica o autor. Os tres primeiros relatos de As palabras que move o mar gardan unha relación espacial e temporal, ao situarse nos anos do movemento estudantil que estourou en Galicia durante a ditadura.
No primeiro relato, O alento das pedras, o autor utiliza o recurso do neno que foxe da realidade inventando unha fantasía. Berta recrea deste xeito a outra vida que podería levar seu pai na cidade. "Na aldea, o seu pai estaba condenado ao fracaso económico. A nena resolve a súa identificación co seu pai a través dunha historia máxica", comenta o autor. Unha das pegadas autobiográficas está neste relato: "Como Berta, eu tamén de neno coleccionaba pedras, pintábaas e escribía nelas", asegura Toxo, que preside o Ateneo de Pontevedra.
O segundo dos relatos, Cartografías, supón unha incursión do autor na Revoluçao portuguesa, que separa os destinos da parella protagonista logo de atoparse na Compostela universitaria. "Para a miña xeración foi unha auténtica revolución interior. Os dous protagonistas toman camiños distintos: é a súa maneira de compartir un momento histórico no que un deles se implica totalmente e atopa a razón da súa vida participando nesa Revolución mentres que outro distánciase, toma o camiño dunha viaxe interior, o da liberdade persoal", explica Toxo.
O terceiro relato, A casa dos alicerces mariños, traslada o lector a un territorio devastador, o do fracaso dunha xeración que viviu o cambio político en Galicia e España como leitmotiv da súa vida. "Neste relato está concentrado o que eu identifico como o gran fracaso dunha xeración. Por unha banda, está o fracaso das utopías políticas: hai un personaxe que se sitúa fóra desas utopías e intenta convencer ao seu amigo que tamén o faga. Por outra banda, está o fracaso de parte desa xeración que se refuxiou nos paraísos artificiais, a chegada das drogas duras á nosa vida. Son fracasos humanos e persoais, sen saída, que conclúe coa morte dun fillo deles como colofón a unha vida que non deixou nunca de maltratalos", explica Toxo.
Só o último texto, titulado Escuro é o rostro da memoria rompe a unidade espacial e temporal do libro. A vivencia dun peón de xadrez na ditadura instaurada por Pinochet en Chile funciona, segundo o autor, como un "resumo" da vida de todos os protagonistas do libro. "Quixen utilizar a idea do xogo, no que inflúe tanto a sorte como o destino. Non podemos evitar ser peóns dun certo destino que nos vai marcando ao longo da nosa vida. Está contextualizado no Golpe de Estado de Pinochet contra Allende en Chile, que foi un dos grandes revulsivos que viviu a miña xeración na súa militancia en contra do fascismo", explica o autor.
Homenaxes á literatura: Eliot, Méndez Ferrín e Neruda
O libro tamén representa, segundo o autor, unha homenaxe á literatura. "Eu formo parte dun grupo xeracional que lle daba moita importancia aos libros. Fomos todos grandes lectores. No terceiro relato hai o xogo das retesías literarias no que os protagonistas len fragmentos de libros e intentan adiviñar a cal pertence. Ésa é unha homenaxe á literatura. Aí aparecen dous autores: T. S. Eliot e Méndez Ferrín", explica o autor. Do mesmo xeito, no texto final, un dos represores da ditadura mira cada día o xornal agardando que titulen: "Morreu o poeta comunista Pablo Neruda".
O autor xa está a traballar en novos relatos para o seu próximo libro. Textos nos que varía a temática e a súa estrutura. "As miñas novas historias xa non son tan autobiográficas e xeracionais como as de As palabras que move o mar. Os relatos falan sobre o estrañamento, a desaparición, a individualidade, emprender camiños novos e distintos dentro de procesos vitais que implican descubertas, como a relación entre pais e fillos ou o humor e a ironía como a clave para gardar distancias coa realidade que nos está esmagando", avanza Toxo sobre os seus proxectos.
"NARRATIVA POÉTICA"
"Intentei recuperar o galego que se falaba en Bueu cando era neno"
O emprego da linguaxe en As palabras que move o mar desvela a minuciosidade do traballo do autor. "O relato esíxeche moita concreción e concisión. Non podes divagar moito nun relato, senón que necesitas unha síntese moi precisa, é algo que impón o propio xénero do relato", remarca Xaime Toxo.
Do mesmo xeito, o vocabulario escollido remite ao léxico mariñeiro das vilas costeiras onde se localizan as diferentes historias da obra. "Eu veño de Bueu. Cando era neno, alí falábase moitísimo galego e había moita riqueza de léxico mariñeiro. Hoxe, esas vilas son máis urbanas e perdeuse moito galego. Por iso, neste libro intento recuperar tanto ese galego como unha certa narrativa poética e unha conversa íntima", explica o escritor. Para o autor outra das pezas esenciais do libro é a amizade. "Os protagonistas medraron xuntos e sempre se están ensarillando os uns aos outros para narrarse a eles mesmos. Buscan momentos de intimidade moi fortes para contar as súas feridas, as súas alegrías, os seus pensamentos", engade o narrador.
Toxo é mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidae visual. Fundou a Asociación Liboreiro de Bueu en 1974 mais foi membro na súa etapa universitaria en Compostela das asociacións culturais O Galo e O Eixo. Recibiu o primeiro premio de narración Manuel Murguía en 2004, o primeiro galadón do certame de relatos do Concello de Paradela en 2002 e recibiu un accésit no premio Modesto R. Figueiredo no 2002.
No hay comentarios:
Publicar un comentario