Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A gran base de datos das cantigas galego-portuguesas

10/11/11

A gran base de datos das cantigas galego-portuguesas


"O Instituto de Estudos Medievais, da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, presentou o pasado 27 de outubro o proxecto Littera, financiado pola Fundação para a Ciência e Tecnologia. Dirixido pola profesora Graça Videira Lopes, este proxecto procura iniciar, de forma coherente, coordenada e cientificamente consistente, a edición, protección e actualización do patrimonio literario e cultural medieval galego-portugués, nas súas dúas grandes vertentes: poesía e prosa narrativa. O sitio web Cantigas é un servizo público dirixido a docentes, especialistas e público en xeral. A base de datos conta coa totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses, as imaxes dos manuscritos e a música medieval ou as versións ou novas composicións contemporáneas. Tamén se comparte información sobre todos os autores nela incluídos, os personaxes e lugares referidos nas cantigas, así como a Arte de Trovar, o pequeno tratado de poética trobadoresca que abre o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, colaboradora neste proxecto. A páxina ofrece un glosario, notas explicativas de versos, notas de lectura, toponimia e antroponimia que completan os textos das cantigas, ademais de información de base sobre algúns dos seus aspectos formais. Tamén se ofrecen imaxes dos manuscritos. A base permite a lectura secuencial dos folios dos cancioneiros, así como a visualización independente das miniaturas contidas no Cancioneiro da Ajuda. E inclúe ficheiros de audio e pautas das cantigas, ademais de información sobre autores e intérpretes. Os textos contidos na base están escritos segundo as normas do Novo Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa."


Vía aelg.org


No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas