Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 100 anos de Camus

7/11/13

100 anos de Camus

Hoxe cúmprense 100 anos do nacemento de Albert Camus (Mondovi, Alxeria, 7 de novembro de 1913 - Villeblevin, Francia, 4 de xaneiro de 1960), novelista, ensaísta e dramaturgo francés, considerado un dos escritores máis importantes posteriores a 1945. Nacido no seo dunha familia de emigrantes franceses, a súa infancia e gran parte da súa xuventude transcorreron en Alxeria. Intelixente e disciplinado, empezou estudos de filosofía na Universidade de Alxer, pero non puido concluílos debido a que enfermou de tuberculose. Entón formou unha compañía de teatro de afeccionados que representaba obras clásicas ante un auditorio formado por traballadores. Tamén traballou como xornalista e viaxou por Europa. A súa obra literaria caracterízase por un estilo vigoroso e conciso, reflicte a filosofía do absurdo, a sensación de alienación e desencanto xunto á afirmación das calidades positivas da dignidade e a fraternidade humana. Empezou a ser coñecido en 1942, cando se publicaron a súa novela curta O estranxeiro, ambientada en Alxeria, e o ensaio O mito de Sísifo, obras que se complementan e que reflicten a influencia que sobre el tivo o existencialismo. A súa novela A peste (1947) supón certo cambio no seu pensamento: a idea da solidariedade e a capacidade de resistencia humana fronte á traxedia de vivir imponse á noción do absurdo. A peste é á vez unha obra realista e alegórica, unha reconstrución mítica dos sentimentos do home europeo da posguerra, dos seus terrores máis angustiosos. Entre as súas obras posteriores encóntranse A caída, O home rebelde, a obra de teatro Estado de sitio e o conxunto de relatos O exilio e o reino. En 1957 obtivo o Premio Nobel de Literatura por "o conxunto dunha obra que pon de relevo os problemas que se formulan na conciencia dos homes de hoxe".

Vía Literatura+1


percorrido fotográfico pola vida do autor

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas