Blog da Biblioteca do IES de Curtis: O santo de pau

13/8/09

O santo de pau

As croantas eran as encargadas do coidado do Santo. Tódolos anos facíanlle rogativas.Antes de mirar raiar o sol oíase o cántico repetitivo e lento:
­San Salvador, te rogamos audinos, Santa Catarina, te rogamos audinos, te rogamos audinos.
Aquel ano a seca fora tanta que as Croantas foron en procesión ao río para mollarlle os pés ao Santo (avogoso das intemperanzas atmosféricas) o derradeiro día da rogativa. O remedio operou decontado. Aínda non lle meteran os pés no río, armouse tal treboada que a iauga caía do ceo acandas e mesmo parecía que era de noite. Casilda, a máis vella das Croantas, aínda vendo que a iauga era moita, terqueou en mollarlle os pés ao santo para que o problema quedase solucionado para tempo. Daquela a arroiada foi tanforte que a Croanta e mailo Santo marcharon polo río abaixo. O santo era de pau e aboiaba, pero a vella Croanta foise ao fondo e afogou.
Apañaron o santo pero a ela tardaron algúns días en atopala. Fixéronlle secas ao río, puxeron trasmallos para que caese coma unha troita vella, atoárono con carros de toxo... Todo foi inútil, a vella apareceu inchada, barriga arriba, na balsa do muíño dos Caneiros. O enterro, con moitoscregos, foi na capela. O santo presidía fachendoso o recinto sacro.
Cando xa sacaban o cadaleito para darlle terra, unha das irmás berrou:
­Ai! San Salvador, San Salvador. Aquí só se salva quen nada mellor.

Ramón Torreiro González ,1º premio do V Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria"

1 comentario:

De fondos y formas. dijo...

Os caneiros foron construídos para a pesca de anguias e alguns para facer de presa ou embalse para que os muiños puidesen funcionar.
Os caneiros acostuman a ser anchos para que puidesen cruzalos sen problemas as bestas de carga cos sacos de gran, e as persoas cargadas con carretillas etc., sempre que o río non fose crecido e o auga non pasase por encima do caneiro.
Actualmente xa non hai anguias nos ríos Galegos debido ás construcións dos grandes embalses, aínda que é certo que en ocasións soltan cativas, que logo baixan ao mar.
Tampouco funcionan xa os muiños artesanais posto que o centeno, que era abundantísimo, xa non se sementa.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas