Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 1/3/12 - 1/4/12

31/3/12

A Real Academia Galega estrea nova páxina web, con dicionario en liña



A Real Academia Galega (RAG) dispón desde este venres dunha nova páxina web, na que destaca a incorporación do dicionario en liña que conta con máis de 50.000 entradas.

A nova web, na que traballaron 9 anos, compleméntase con outros recursos como un apartado con información sobre as Letras Galegas, ademais doutro espazo que permite aos investigadores coñecer os fondos que custodia a RAG.

"Con esta nova web faise uso das novas tecnoloxías para dar un salto adiante e levar ao pé de cada casa todo o patrimonio da institución", comentou, en rolda de prensa, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín.O dicionario estará "en permanente mellora e actualización", destacou sobre esta ferramenta, que inclúe termos científicos e xurídicos así como información léxica e ortográfica sobre os termos a buscar.

Ademais, a institución indicou que non descarta que este proxecto, que conta coa colaboración da Fundación Barrié,  poida chegar a implantarse en dispositivos móbiles.



 Fonte : GaliciaHoxe.com 30.03.2012



26/3/12

Os adeuses

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
no IES de Curtis

Os Adeuses 

do fotógrafo Alberto Martí,
realizada polo Consello da Cultura Galega e o CGAI.

Aberta ao público: luns, martes e mércores de 16.00 a 20:00.

Percorrido guiado: luns e mércores, ás 17:00, a cargo do profesor de Historia Ángel Corral Coira.


En Galicia temos fartura de despedidas, pois é “terra de adeuses”, como en feliz ocasión a cualificara o patrucio de Trasalba, Ramón Otero Pedrayo. Foi unha das pérolas que ecoaron naquel discurso de inauguración do curso académico 1954-1955 pronunciado no paraninfo da Universidade de Santiago, dedicado a evocar as “vivencias” da emigración galega. Cando Otero estaba a pronunciar aquel discurso, os adeuses galegos estaban nun novo apoxeo, coa apertura das migracións cara a América, nomeadamente a países novos como Venezuela e Brasil, que alongaban o leque de destinos americanos, antes centrados nos países de Arxentina e de Cuba. Era a derradeira eclosión da navegación marítima de pasaxeiros, que o propio Otero ben sentira —e contara despois nun guapo libro— con ocasión da súa viaxe a Arxentina en 1947, a bordo do nomeado paquebote Cabo de Hornos.
Daqueles adeuses ficou memoria nalgún documento gráfico que virou célebre, despois da súa publicación en libros como Galicia hoy (1966), a cargo de Luís Seoane e Isaac Díaz-Pardo. Refírome ás famosas fotos de Manuel Ferrol sobre a emigración tomadas no porto da cidade da Coruña. Son documentos singulares, mais escasos. Outros fotógrafos traballaron arreo naqueles mesmos lugares, tomaron milleiros de fotos daquelas chegadas e adeuses, pero non eran coñecidas do público por non se teren difundido acaidamente. Porén non hai ben que se garde eternamente oculto. E o que resulta ser un testemuño de primeira orde sobre o trafego humano da Estación Marítima d’A Coruña pode ser agora coñecido e analizado grazas a esta exposición sobre Os adeuses.
O gardador do tesouro foi o fotógrafo Alberto Martí, quen de forma sistemática e paciente foi enchendo a súa cámara fotográfica de figuras e de sentimentos, de esperanzas e de tristuras. Os seus protagonistas son xente anónima, pero fundamental para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte.





XIX Semana Cultural do IES de Curtis

Actividades

25/3/12

As nosas impresións do encontro con Marica Campo

 O pasado martes, 20 de marzo, contamos no noso centro coa presenza da escritora Marica Campo. Os rapaces e rapazas de 1º ESO recibimos á autora de E Xoel aprendeu a voar con moitas ganas de saber cousas sobre ela e a súa obra.  Antes do encontro tivemos a oportunidade de facerlle unha pequena entrevista. 

 A continuación  Marica Campo falounos de temas moi variados, pero o  máis destacado foi, sen dúbida, a importancia da lectura. Díxonos que ler era como vivir moitas vidas.

Respondeu ás nosas preguntas sobre o libro e sobre ela, e contounos moitas cousas da súa familia. Pareceunos moi divertida e chamounos moito a atención o comentario que nos fixo de que falaba cos seus antigos alumnos polo Facebok.



Para rematar leunos un poema  que se titulaba " Confeso que estou tola", onde falaba de como era ela e como se sentía.


                                   Alumnado de 1º ESO

21/3/12

Sempre hai un motivo para ler poesía...

 No Día Mundial da Poesía recuperamos un fermoso texto do escritor Fran Alonso:

                                                                      Cinco motivos para ler poesía

1.- A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2.- A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3.- Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cerralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4.- A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5.- O importante da poesía non é obsesionarse por descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.

CRTVG abre unha nova canle temática sobre Valentín Paz-Andrade

A canle temática Valentín Paz-Andrade pon á disposición do espectador e espectadora varias reportaxes sobre a figura do homenaxeado das Letras Galegas 2012 así como as intervencións de Paz-Andrade na TVG. Na nova canle pódense atopar tamén imaxes históricas de Valentín Paz-Andrade pertencentes ao documental de Eligio Rodríguez no 50 aniversario do Centro Galego.

Vía: valentinpazandrade.es

DE PASEO POLO MUNDO DAS SUPERSTICIÓNS


    O pasado 15 de marzo, xoves, o alumnado de 1º e 2º de ESO viaxamos a Pontevedra para visitar o Salón do Libro e coñecer a cidade. Acompañáronnos Paco, Pepa, Olga e Reme.
   Marchamos a primeira hora. Ao chegar, formamos dous grupos: un marchou facer un roteiro pola vila e o outro foi ver a exposición sobre supersticións. Despois, fixemos ó reves.
   No roteiro poidemos ver as rúas máis importantes, as ruinas da muralla, algunha estatua... e un loro moi parlanchín, que respostou cun "Ola" moi simpático ó noso saúdo.
   No Salón do Libro, que este ano estaba adicado ás superticións por ser a 13ª edición ( para eles 12+1), vimos proxectos sobre este tema de varios centros. O guía contounos algunha lenda e poidemos coñecer historias curiosas sobre as crenzas nas supersticións.
   No medio destas dúas actividades fomos todos ver  a obra Pelos na lingua. Nela, os actores representan varias pezas pequenas sobre a importancia de falar galego e conservar a lingua: rimos moito e algunhas historias gustáronnos especialmente, como a da "manifa xuvenil", a do entrenamento de fútbol ou a da estatua do home que falaba galego na Casa da Cultura.
   Ás seis da tarde voltamos para as nosas casas: así rematou unha xornada diferente e ben entretida.


20/3/12

NOVIDADES EN GALEGO E CASTELÁN: APETÉCEVOS LER?



    Abrimos a porta na nosa biblioteca para que entren novidades na literatura galega e castelá actuais. Sabede que están á vosa disposición os seguintes títulos, entre outros:


 

- El temblor del héroe  de Álvaro Pombo.

- Auslander de Paul Dowsweel.

- Una maestra en Katmandú de Vicki Subirana.

- Consumir preferentemente de Raúl Vacas.

- Esto y ESO de Raúl Vacas.

- Donde los árboles cantan de Laura Gallego.

- Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz.

- Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. 

- Febre de Héctor Carré.

- Ninguén de Fran Alonso.

- Nómades de Xosé Tomás.

- O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro. 

- Extramunde de Xavier Queipo.

16/3/12

ENCUENTRO CON NURIA PRADAS

     El pasado lunes, 12 de marzo, visitó nuestro IES la novelista catalana Nuria Pradas. El alumnado de 2º de ESO, conocedor de su relato El misterio de la calle de las Glicinas (Bambú Lector), tuvo la oportunidad de escuchar a esta escritora y de plantearle dudas y curiosidades sobre su oficio y su obra.

     Pudimos saber cómo había "aparcado" su puesto de profesora para dedicarse a la literatura, la necesidad de ser constante cuando el horario de trabajo transcurre en casa, su gusto por el teatro y por la novela, su predilección por el misterio, sus autores preferidos...
En este encuentro, la autora nos  explicó el porqué del título de la novela que hemos leído (la calle de las glicinas es un recuerdo de sus paseos por la zona vieja de Barcelona), la razón por la que aparece una secta en el argumento...



   Realmente, la literatura se hace todavía más rica cuando al lado de la voz ficticia del narrador se coloca la del autor, empapada de realidad. Un privilegio, sin duda,  poder oír las dos.

UN ANO MÁIS NO FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO

       O pasado martes, 13 de marzo, os alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego estivemos na cidade de Lugo para ver Electra, de Sófocles e Aulularia, de Plauto


Electra ( protagonista e coro)

    No caso da traxedia poidemos ver unha sorprendente posta en escea, na que o audivisual e un coro moi histriónico nos transportou a esta sobrecolledora historia de odio e vinganza, á que Electra nos arrastra.
Trala catarse, chegou o momento das risas coa Aulularia : o avaro Euclión, que garda celosamente o seu tesouro, fai da súa avaricia un indiscutible elemento de comicidade. Ao seu redor móvese un grupo de variopintos personaxes ( o xove namorado Licónides, os intrigantes servi Estróbilo I e II, o rico Megadoro...) que contribúen a reforzar o         ambiente desenfadado propio da comedia plautina.
Aulularia (preparativos da voda)




   Agradecemos o traballo de profesores e alumnos que traballan con tanto esforzo durante o ano para levar á escea a obra dos clásicos: de non ser por este tipo de festivais resultaría moi dificil ver representacións deste tipo.

13/3/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"


 Sofía Casanova (1861-1958)
 
Sofía Pérez Eguia y Casanova de Lutoslawski naceu en Almeiras (Culleredo - A Coruña) en 1861 e morreu en Poznan (Polonia) en 1958. Trasladouse moi nova, xunto coa súa familia, a Madrid para poder estudar. Casou en 1887 co profesor, filósofo e diplomático polaco Wincenty Lutoslawski, mudando a súa residencia a Polonia, viaxando cada ano a Galiza durante o período de verán. Combinou o seu traballo de xornalista co seu estudo de idiomas chegando a dominar oito linguas diferentes.
Viviu acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolchevique, as dúas Guerras Mundiais e a persecución dos xudeus polo réxime nazi. Escribiu crónicas e opinou acerca de cada un destes episodios da historia europea. Colaborou en xornais como ABC, La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid, na revista Galicia, na Gazeta Polska e The New York Times.
No momento da fundación da Real Academia Galega no 1906, foi nomeada membro correspondente deste organismo e no ano 1952 concedéuselle por unanimidade o título de académica de honra.
Sofía Casanova só tivo fillas, o que motivou que fose repudiada polo seu marido. En 1917 traballou como cronista de guerra na fronte polaca e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia. Volveu a Galiza completamente arruinada e case cega. En 1938 visita A Coruña e a súa aldea por última vez.
Publicou novelas, contos, unha comedia, e mais de 1.200 artigos en xornais e revistas en Galicia, España e Polonia. A súa produción literaria foi moi prolífica,   poesía, novela, teatro, un libro infantil, comentarios sociais, culturais e políticos,  e artigos en publicacións galegas, españolas, hispanoamericanas e polonesas. Impartiu numerosas conferencias sobre a situación da muller e relacións internacionais, tanto en España como en Polonia, traduciu obras clásicas
Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica; a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas no libro De la guerra no ano 1916.



 
BEATRIZ GALINDO
 (c.1465-1534)



Beatriz Galindo, chamada «a Latina» (c.1465-1534), foi a humanista máis coñecida, e probablemente das máis importantes, entre o grupo das chamadas "douta puellae", ou "mulleres sabias da corte de Isabel la Católica". Estás mulleres, baixo o impulso do Humanismo e o Renacemento, contaron coa actitude favorable á educación das mulleres mostrado por unha raíña que dispoñía dunha biblioteca de máis de 250 volumes e comezou a estudar a lingua latina con 30 anos, aínda que o seu labor sería prematuramente agostado polas ideas impostas pola Contrarreforma.
   Beatriz Galindo naceu nunha familia de fidalgos de orixe zamorana, anteriormente atesourada, vinda a menos. De entre as súas irmás, foi elixida para ser monxa, para o que os seus pais decidiron que tomase clases de Gramática nunha das institucións dependentes da Universidade de Salamanca. Mostrou grandes dotes para o latín, non só na tradución e lectura dos textos clásicos, senón que tamén era capaz, aos quince anos, de falar con gran corrección en latín. A súa fama estendeuse primeiro por Salamanca e despois por todo o reino e empezou a ser coñecida como «A Latina».
   Tivo especial interese en Aristóteles. En 1486, cando ía ingresar no convento como monxa, foi chamada pola raíña Isabel la Católica á Corte para que o ensinase latín. Na Corte non se limitou unicamente aos seus labores como preceptora, senón que a raíña tiña en moi alta estima os seus consellos.
   Casada en decembro de 1491 co capitán artilleiro e conselleiro dos Reis Católicos Francisco Ramírez de Madrid, tivo dous fillos, Fernán e Nuflo. Enviuvou en 1501, retirándose da corte e asentando a súa residencia en Madrid, no que hoxe é o Pazo de Viana.
   Débeselle a fundación do hospital da Latina (1506) e do convento da Concepción Xerónimo en Madrid (ao que legou a súa biblioteca) e atribúenselle poesías latinas e uns Comentarios a Aristóteles. Escribía poesía en latín e estudara teoloxía e medicina.
   O barrio de La Latina de Madrid toma o seu nome do alcume de Beatriz Galindo, pois foi o barrio madrileño onde viviu.


MARGARET E. ATWOOD

(1939)

Naceu en Ottawa en 1939. Prolífica poetisa, novelista, guionista para televisión, crítica literaria e activista política.
Empezou a escribir con 16 anos. Graduouse en 1961, na Universidade de Toronto como licenciada en filoloxía inglesa con estudos tamén de francés e filosofía. Fixo estudos de postgrao no Radcliffe College da Universidade de Harvard. Obtivo un máster en Radcliffe e continuou estudando dous anos máis en Harvard.

Impartiu clases na Universidade de British Columbia, na Universidade Sir George Williams en Montreal, na Universidade de Alberta, Universidade York en Toronto e na Universidade de New York.

Descríbena como unha escritora feminista, xa que o tema do xénero está presente nalgunhas das súas obras de forma destacada. Centrouse na identidade canadense, as relacións deste país con E.E.U.U. e Europa, os dereitos humanos, a liberdade de expresión, os asuntos ambientais, o conflito entre natureza e tecnoloxía, os mitos sociais sobre a feminidade, a representación do corpo da muller na arte, a explotación social e económica desta, así como as relacións de mulleres entre si e cos homes.

É membro de Amnistía Internacional e copreside Birdlife International, en defensa das aves.
Foi Príncipe de Asturias das Letras en 2008.

12/3/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"


1. Nace na provincia de A Coruña, na segunda metade do século   XIX.

2. Escritora e cronista.
3. Muller pacfista e antibelicista.
4. Vinculada con Polonia por casamento.
5. Académica de honra da Real Academia Galega.

 
    1. O latín era a súa paixón.

2. Ía para monxa e estudou na Universidade de Salamanca.

3. Deu nome a un barrio de Madrid no cal viviu.

4. Interesáballe moito Aristóteles e por iso escribiu uns Comentarios á súa obra.

5. Ensinou latín á raíña Isabel, quen admiraba moito esta salmantina.



1. Naceu na década dos 30 do século XX.
2. Escritora feminista.
3. Preside unha organización internacional en defensa das aves.
4. Graduouse en filoloxía inglesa nunha universidade  americana.
5. Nos seus libros trata, entre outros, temas relacionados cos dereitos humanos e en especial cos dereitos da muller.

Concurso "Quen son estas mulleres?"

MARÍA BALTEIRA

(S. XIII)

Naceu en Betanzos, probablemente na localidade de Armea. Foi a "soldadeira" máis famosa da nosa época medieval. As soldadeiras eran mulleres que estaban adscritas á corte e que tiñan como oficio cantar e bailar. Por este traballo pagábanlles unha soldada e de aquí vén o nome de soldadeira. 
Case todo o que sabemos dela chegounos a través das cantigas me-dievais, así, é a protagonista de quince cantigas de escarnio escritas por dez trobadores distintos. A través destas descubrimos que María participou nunha cruzada e, sobre todo, coñecemos detalles do ritmo de vida que levaba. Se facemos caso do que se di nas cantigas, María reunía tódolos vicios condenables do momento: xogaba ós dados, aproveitábase da xente, mantiña relacións sexuais de todo tipo con cregos, escolares, xograres, etc., transmitía enfermidades…
Como no caso das demais soldadeiras, non se fai ningunha referencia á súa arte. Eran tempos en que,  a muller só podía elixir entre practicar o amor santo no claustro ou no matrimonio ou ser soldadeira para gozar malia entrar nunha certa marxinalidade. Isto explica a opción de María que, sendo fidalga e posuíndo bens de seu, elixe un oficio próximo á prostitución. Sábese que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Nada se sabe do lugar e data da súa morte e soterramento.
Fica a dúbida sobre que datos das cantigas responden á súa auténtica biografía, porque estas son un tópico literario en que conflúe a sátira dos autores co ánimo de facer rir, lonxe dunha intención moralizadora. Mais a lenda desta muller traspasa os séculos e segue inspirando a autores dos nosos días que a ven como unha avanzada do carpe diem e como un ar de liberdade nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino.


ALMUDENA GRANDES
(1960)

3.   Escritora española nada en 1960. Cursou estudos de Historia na Universidade Complutense de Madrid, e logrou saltar á escena literaria española ao gañar o XI Premio Sorriso Vertical de Novela Erótica coa súa novela Las edades de Lulú (1989), publicación que supuxo un gran éxito de vendas.
    A partir de Las edades de Lulú comeza unha extraordinaria relación co mundo do cine, xa que varias novelas e contos da escritora foron adaptadas á gran pantalla, como a mencionada, en 1990, Malena es un nombre de tango (1994), Atlas de geografía humana (1998) ou Los aires difíciles (2002).

       En 2007 sae á luz unha das súas obras máis lidas, El corazón helado: en máis de novecentas páxinas relata a vida de dúas familias marcadas pola guerra civil. A propia autora confesou que a xestación da novela ocupara os últimos cinco anos e que o seu labor de documentación levouna a consultar máis de duascentas obras sobre a guerra civil española.

       A súa penúltima novela, publicada en 2010, Inés y la alegría, retoma novamente a época da guerra civil e do franquismo, reflectindo a loita no exilio contra a ditadura franquista e o padecemento dos que tiveron que quedarse aquí, logo de apoiar o bando republicano. Con esta narración obtivo o Premio da Crítica de Madrid, o Premio Iberoamericano de Novela Elena Poniatowska e o Premio Sor Juana Inés da Cruz. Con ela inauguraba a serie Episodios de una Guerra Interminable, cuxa segunda entrega é El lector de Julio Verne, que acaba de saír á luz neste ano 2012.

       Escribiu tamén   contos, recollidos en Modelos  de mujer (1996), onde  aparece un relato baseado nun poema do seu home, o poeta Luís García Montero e en Estaciones de paso (2005) . Tamén publicou recopilaciones dos seus artigos para o diario O País, baixo o título  Mercado de Barceló (2003). Ocasionalmente traballou como tertuliana na Cadea Ser.



NATALIE PORTMAN
  (1981)

  
Aínda que naceu en Xerusalén, Natalie Hershlag (1981) vive dende moi pequena en Nova York onde o seu pai exerce a medicina. O seu avó morreu en Auschwitz e a súa avoa foi espía. Antes dos 12 anos os seus pais cambiáronlle o seu apelido xudeu polo da súa avoa, máis doada e comercial. Entre as súas primeiras películas detacan Mars Attacks e Todos din I Love You.. Ingresou na Universidade de Harvard para licenciarse en Psicoloxía en 2003; durante este tempo, en períodos de vacacións escolares, comezou a rodaxe de Star Wars (algunhas escenas rodáronse na Praza de España de Sevilla). O seu papel nesta nova triloxía foi o da raíña e despois senadora Padmé Amidala, ou o que é o mesmo esposa de Anakin Skywalker e nai de Luke e Leia. A súa confirmación como actriz produciuse grazas á Alice de Closer, papel polo que conseguiu un Globo de Ouro a Mellor Actriz Secundaria e foi nomeada aos Oscars na mesma categoría. En 2005 estrea a superprodución V de Vendeta para a que se rapou totalmente a cabeza. Gravou en España Los fantasmas de Goya de Milos Forman xunto ao actor español Javier Bardem en escenarios variado como o Parque "O Retiro" de Madrid e Segovia.
Das súas últimas películas destacan As irmás Bolena, París, te amo e Cisne negro, papel que lle valeu un Globo de Ouro e o Óscar a Mellor Actriz en 201.

Ademais do cine, colaborou en pequenos traballos de investigación científica sobre a memoria; o seu interese pola ecoloxía (practica o veganismo) quedou patente durante a gravación en 2008 dun documental para a cadea de televisión Animal Planet titulada Gorilas de Ruanda. .

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas