Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A Cronica de Marta Dacosta

15/6/10

A Cronica de Marta Dacosta


Os galegos somos coma os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo coma nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar do castelán e impulsarnos contra corrente, polos cursos estreitos e doces, río arriba, polos nosos ríos galegos, con perigo de topeñar nalgún penedo, ou de sermos comidos por algún oso no camiño.
Así comezaba o discurso de ingreso na Academia Galega de Bernardino Graña. As veciñas e os veciños de Cangas, e todas e todos os que desexamos acompañar a Bernardino neste momento trascendental para todos e todas nós, puxémonos en pé para mostrarlle ao poeta o orgullo de sentírmonos representadas e representados a través dos seus versos na institución que un día crearon os nosos antecesores.

Non era sen tempo. Era de xustiza. Bernardino ocupa a cadeira que lle corresponde e canda el entraron todo o sal do mar, as maragotas, os arroaces, o gato da tasca mariñeira, as chalanas da ría de Vigo e as mulleres contadoras de historias.

Bernardino falounos dos contos, da importancia da literatura oral que “é realmente un produto popular, creado polas mulleres de Galicia (tamén polos homes)...” e a través da comprobación do carácter internacional desa literatura que sobreviviu ao longo dos séculos salvando con ela á lingua e ao propio pobo, levounos até o Conto gallego de Rosalía, para afirmar rotundamente, contradicindo a Carballo Calero, que o Conto Gallego si é un conto feminista, digno de Rosalía.

Parabéns querido e admirado Bernardino Graña.
No seu blog

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas