Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Marica Campo
Mostrando entradas con la etiqueta Marica Campo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Marica Campo. Mostrar todas las entradas

25/3/12

As nosas impresións do encontro con Marica Campo

 O pasado martes, 20 de marzo, contamos no noso centro coa presenza da escritora Marica Campo. Os rapaces e rapazas de 1º ESO recibimos á autora de E Xoel aprendeu a voar con moitas ganas de saber cousas sobre ela e a súa obra.  Antes do encontro tivemos a oportunidade de facerlle unha pequena entrevista. 

 A continuación  Marica Campo falounos de temas moi variados, pero o  máis destacado foi, sen dúbida, a importancia da lectura. Díxonos que ler era como vivir moitas vidas.

Respondeu ás nosas preguntas sobre o libro e sobre ela, e contounos moitas cousas da súa familia. Pareceunos moi divertida e chamounos moito a atención o comentario que nos fixo de que falaba cos seus antigos alumnos polo Facebok.



Para rematar leunos un poema  que se titulaba " Confeso que estou tola", onde falaba de como era ela e como se sentía.


                                   Alumnado de 1º ESO

29/11/11

Encontro literario con Marica Campo



Marica Campo

O próximo luns, 5 de decembro, virá Marica Campo ao IES de Curtis onde falará cos alumnos e alumnas de primeiro da ESO do seu libro E Xoel aprendeu a voar.

Información sobre  a autora: na wikipedia e na AELG.

Reporteiros da noticia:
                                  Daniel Seoane Regueiro
                                  Rodrigo Matos Barral




14/10/09

Marica Campo

Confeso que estou tola:
Teño alucinacións multicolores
nos plenilunios
e ando a cortar lilas de auga
para poñer, vizosas, en púcaros de lume.
Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande
e branquiamarelea na pupila do mundo.
Daquela escoito músicas de tambores e frautas
e bailo cos pés nús no caborco da noite.
Penduro das orellas espantos coma brincos
de morcegos pregados e falo coas coruxas
na lingua máis arcana.
(Ignoro se me ollades,se estou engaiolada
e vós, por divertirvos, ceibades cacahuetes
entre as reixas que afastan o meu soño e o voso)Confeso que estou tola:teño unha barca branca
que navega por rúas e por rios de vidro
e eu vou de pé na proa, cos remos cara aco ceo,
derrubando as estrelas.(Non sei se as recolledes,
se apañades os froitos da vendimia
nos astros para facerdes viño
e cuspirmo nos ollos).
Confeso que estou tola:
Eu vivo no tellado
da casa e cando chove bebo a chuvia que cae
e dela me alimento. Béboa coma quen bebe
tempo desconxelado, champaña á fin de festa
ou un amor que pasa.
DEspois, cando clarea,
perdo o medo e camiño sempre á beira do aleiro
desafiando a altura.......

16/6/09

Sextinario: trinta e seis + tres


Loitei a vida enteira cun só nome
a piques de saírme polos labios,
sei o tamaño, a forma e até o eco
que deixará no ar se o digo un día.
Mentres tanto palabras como pombas
ceibei a competir coa voz do vento.
Non o podo lembrar, anda no vento,
que quen o pronunciou queimou o nome,
derradeira, quizais, das súas pombas,
liberouno e despois cerrou os labios.
Eu sei que morrerei feliz o día
en que o descifre á fin no son do eco.
O oco da palabra vai no eco,
eternamente vougo polo vento.
Non volverá existir, non verá o día,
xamais regresará o nome ao nome.
É grande para min, non teño labios,
o meu pombal quedou case sen pombas.
Xa non queren voar, xa non son pombas,
anacos de papel que leva o eco.
Se eu dixese o que soño, novos labios
volverían a min, sería vento
a percorrer o mundo cun só nome,
o que quero dicir mais non hai día.
Virá fatal, ha vir, un outro día:
Deixarei dunha vez o ar sen pombas,
no delirio a morrer direi o nome
que procurei sen fe, febril no eco,
neste me eu baleirar tamén no vento,
nun voo de palabras como labios.
Chegará a hora e hei pechar os labios,
cando estea a chegar a luz do día,
e aínda hei procurar no fol do vento
ese amencer de abril orfo de pombas.
Mesmo morto ha soar na voz do eco
a negarse a si mesmo, xa sen nome.
Non ten nome o silencio, non ten labios,
levantan cando o digo voo as pombas
e pousan no ar do eco a facer vento.

Marica Campo
________________________________________________________
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas