Blog da Biblioteca do IES de Curtis: cinema galego
Mostrando entradas con la etiqueta cinema galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cinema galego. Mostrar todas las entradas

24/11/16

SICIXIA

O vindeiro venres 25 chega a todos os cines de Galicia Sicixia, unha película de Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor, A esmorga) concibida como unha experiencia sensorial; a banda sonora da Costa da Morte. 

Velaquí a sinopse da película: Xiao é un enxeñeiro de son que recorre as vilas e lugares máis recónditos de Galicia na procura dos sons, das xentes e a natureza. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas, e que espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte.

 Sicixia é unha palabra que fai referencia á aliñación dos astros que se produce nas superlúas e no solsticio de verán. Segundo Ignacio Vilar, os astros quixeron que a película, que vén de ser cualificada polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales como de especial interese para fomentar a igualdade de xénero, chegue ás salas o Día Internacional contra a Violencia Machista.

 

15/6/13

Adeus a "Pico"

 A cultura galega está de loito. Dicimos adeus a un dos nosos grandes actores de teatro, cinema e televisión. Son moitos os personaxes aos que deu vida Xosé Manuel Olveira, máis coñecido como " Pico". Nacido na localidade coruñesa de Muros en 1955,  participou como actor nalgunhas das series de televisión máis exitosas de Galicia, como Mareas Vivas, Pratos Combinados ou Padre Casares. Ao mesmo tempo, fixo aparicións en capítulos doutras series de tiraxe nacional, como Hospital Central, El Comisario ou Piratas
Actor de teatro dende 1972, participou en máis de trinta obras de numerosas compañías, así como en máis de vinte  películas de cinema. Entre estas últimas atópanse filmes como A lingua das bolboretas,  Mar Adentro ou Celda 211.
Ao longo da súa carreira Xosé Manuel Olveira foi recoñecido en numerosas ocasións con galardóns ao seu traballo. En concreto, recibiu en catro ocasións premios María Casares, así como o Maruxa Villanueva de Teatro no ano 2009. Tamén desempeñou o cargo de presidente da Academia Galega do Audiovisual entre 2009 e 2011.

 No Ies de Curtis quedamos coas lembranzas da charla que mantivemos con el na  XXII edición da Semana Cultural ( 2010) onde nos falou do seu oficio de actor.
Ata sempre!

11/12/11

Films from Galicia en París

 

A Xunta, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, presentará o vindeiro luns, día 12 de decembro, en París o catálogo 'Films from Galicia', que recolle a produción audiovisual galega de 2010, 2011 e proxectos consolidados para realizar en 2012.
Esta iniciativa terá lugar en 'Le festival d'un jour', unha actividade que promove a asociación Espagnolas en París, en colaboración co Instituto Cervantes, o Instituto da Cinematografía e as Artes Visuais (ICAA) e a cadea Cinema+.
Segundo detallou a Administración galega, o catálogo 'Films from Galicia' está organizado en catro apartados como longametraxes de ficción, documentais, animación e produtos para televisión. A publicación distribuirase nos mercados de referencia nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia e, ademais, habilitarase unha versión dixital na web do ente que será presentada en xaneiro.
A acción que levará a cabo este luns en París pretende a difusión do catálogo entre distribuidores de cinema franceses e prensa especializada do país. Durante o festival tamén se proxectará a película Os Crebinsky, protagonizada por Miguel de Lira e Luís Tosar, tras a cal, a Banda Crebinsky, responsable da música da peza, ofrecerá un concerto.



 Fonte: GaliciaHoxe.com 11-12-2011

3/11/11

O vello Sinbad chega á gran pantalla da man de Antón Dobao.


A versión cinematográfica, que leva por título Sinbad, pecha o ano de homenaxe a Álvaro Cunqueiro no centenario do seu nacemento e aos 50 anos da publicación da súa obra Se o vello Sinbad volvese ás illas. A película estrouse o pasado día 28. Despois de percorrer vilas e cidades galegas será presentada en festivais internacionais.

Baixo a dirección de Antón Dobao, Xosé Olveira “Pico”, volve a meterse na pel do mariñeiro recreado por Cunqueiro, tralo ter representado no teatro en 1999 na montaxe de Quico Cadaval. Sara Casasnovas, Mariña Sampedro, Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán “Morris”, Mariana Carballal, Camila Bossa, Miquel Ínsua e Mela Casal completan o reparto encabezado por “Pico” Olveira.
Todos xuntos narran a historia de Sinbad, o vello mariñeiro reinterpretado pola imaxinación de Cunqueiro na novela Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Nesta obra o personaxe de As mil e unha noites é presentado como un mariñeiro vello que, retirado no país de Bolanda, ten que inventar diariamente historias diante de amigos e veciños     para manter o prestixio.

A sinopse coa que se presenta a película é a seguinte: nunha vila mariñeira, un home ve transcorrer a vida de forma apracible, entre o coidado do seu horto, os seus paseos a carón do mar e o seu amor pola fabulación. Chámase Aurelio, pero prefire que lle chamen Sinbad, coma o vello e famoso mariñeiro, porque igual ca el navegou mares reais e -talvez- imaxinarios, coñeceu lugares e personaxes extraordinarios e foi testemuña e protagonista de feitos fantásticos. Sinbad non só é experto nos camiños do mar; tamén coñece os misterios e as marabillas do Cosmos e soña con percorrer algunha das súas rutas. A Sinbad acompáñao Sara, unha nena que aprende con el os segredos deses mundos fantásticos propios de soños e memorias. Sara é o elo que une a Sinbad co seu último proxecto: pilotar unha nave extraordinaria que o leve, a través de mares e universos descoñecidos, ás Illas Cotovías.


Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas