Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Día da Biblioteca
Mostrando entradas con la etiqueta Día da Biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da Biblioteca. Mostrar todas las entradas

24/10/16

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS


     Celebramos, non só hoxe, senón a cotío, a fortuna de ter no noso centro ese pequeno tesouro que é a biblioteca, e que nos permite non só traballar mellor, senón tamén gozar dos momento de lecer
cun libro na man...

Se aínda non o descubriches..


    ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.

   Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda. Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.



    Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.


    Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

   ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.

   Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.

   Podedes acceder ao resto do texto, creado polo insustituible A. Fernández Paz, no seguinte enlace:

http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/onde-hai-unha-biblioteca-hai-unha-luz/html/1c423b56-2706-11e1-b1fb-00163ebf5e63_1.html

24/10/14

24 OCTUBRE, DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA



A palabra "biblioteca" provén do latín bibliothēca, que á sua vez deriva do grego βιβλιοθήκη ('bibliothēke'), termo composto por βιβλίον ('biblíon' «libro») e θήκη ('théke' «armario, caixa»). Fai, pois,  referencia ó lugar onde se gardaban os libros. 

Tanto na língua castelá como na galega temos, a día de hoxe, numerosos termos que contan coas raíces prefixas e sufixas que forman a palabra biblioteca. Vexamos algúns: 

Bibliófilo: adxectivo que se aplica a aquelas persoas ás que lles gusta moito ler.

Bibliografía: relación de libros e/ou documentos referidos a un tema determinado.

Hemeroteca: colección de publicacións diarias ou periódicas.

Discoteca: colección de discos.

Oploteca: colección de armas.

Pinacoteca: colección de pinturas.

Cinemateca: colección de películas de cine.

Ludoteca: lugar onde hai xogos a disposición dos usuarios.

Moitos son os termos que podemos relacionar coa vida e funcionamento destes marabillosos espazos adicados a gardar o saber e o lecer nos seus andeis. Deixámosvos aquí algúns que poden ser do voso interese:



- Se alguén tivo diante algunha vez un INCUNABLE, podedes dar por certo que tivo a sorte de ver un libro de elevado valor. Chámaselles  así aos primeiros libros que saíron da imprenta, creada por Gutemberg a mediados do século XV. Antes da impresión dos incunables, os libros eran manuscritos. 

- Non menos afortunado será o que poida conseguir a EDITIO PRINCEPS / EDICIÓN PRÍNCIPE dunha obra de séculos pasados, pois terá dentro das súas propiedades a primeira edición impresa dunha obra literaria. Imaxinades o que pode significar ter a editio princeps do Quijote ou de Follas Novas? 


- Debedes saber que cando entrades nunha biblioteca atoparedes nos ANDEIS (cada soporte horizontal dos armarios) unha parte dos FONDOS dos que podedes facer uso (conxunto de materiais a disposición dos usuarios). Para localizar o que buscades debedes consultar os datos do LOMBIÑO de libros, DVD... Nesa etiqueta  recóllese en clave numérica a disciplina á que pertence cada fondo, as tres primeiras letras -sempre maiúsculas-  do apelido do autor (os materiais ordénanse dentro de cada disciplina de xeito alfabético, seguindo como pauta as tres primeiras letras deste dato) e, finalmente, as tres primeiras letras -minúsculas- do título da obra). 

                                                                                                       


EQUIPO DE BIBLIOTECA E 4º ESO C 


Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas