Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Cine galego
Mostrando entradas con la etiqueta Cine galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cine galego. Mostrar todas las entradas

9/11/11

Engurras

Director: Ignacio Ferreras
Dirección artística: Paco Roca
Dirección de produción: Dani Martínez
Guionista: Ángel de la Cruz, Paco Roca
Intérpretes: Pepe Sacristán
Música: Nani García, Iván Laxe, Piti Sanz
Titulo orixinal: Arrugas
Tipo: Animación
Xénero: Drama
Duración: 80'
Ano: 2011


Engurras narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Emilio, que chega á residencia nun estado inicial de Alzheimer recibe a axuda de Miguel e outros compañeiros para non rematar na planta superior da residencia, o temido piso dos asistidos que é como chaman alí aos desafiuzados. O seu aloucado plan tingue de comedia e tenrura o pesado día a día da residencia porque aínda que para moitos as súas vidas acabaran, eles comezan unha nova.

Longametraxe de animación 2D para adultos baseada na BD  Arrugas de Paco Roca que levou o Premio Nacional de Cómic en 2008. Proxectada o 19/9/11 no Festival de San Sebastián. Estrea nas salas comerciais españolas prevista para primeiros de 2012, aínda sen concretar.

Palmarés: É unha das dezaoito cintas de animación aspirantes a estar entre as cinco candidatas ao Oscar para mellor longa de animación na vindeira edición dos galardóns estadounidenses.

19/9/11

Oito obras literarias galegas preparan a súa adaptación ao cine

   
  Oito obras da literatura galega prepáranse para cruzar a liña que separa a narración tradicional do guion cinematográfico. Autores clásicos e contemporáneos figurarán nos créditos de películas que están nestes momentos nalgunha das distintas fases do longo proceso que leva unha idea das letras ás imaxes.
   Unha das novidades editoriais dos últimos meses, Lume de cobiza (Galaxia), cuarta novela de Miguel Anxo Fernández sobre o detective Frank Soutelo, xa ten asinada o seu conversión ao mundo audiovisual. O director Ángel da Cruz prepara unha tv-movie que chegará ás salas de cine e que, ao mesmo tempo, servirá en televisión como piloto para unha serie de nove episodios, cada un nunha localidade galega.
   O máis difícil da adaptación, segundo asegura o autor e crítico de cine e televisión, será elixir ao actor encargado de dar vida ao personaxe principal. «É un personaxe que ten xa dez anos, esta é a cuarta novela que protagoniza, e a xente ten xa unha imaxe preconcibida de el», afirma Miguel Anxo Fernández. O proxecto, que será moi innovador desde o punto de vista narrativo, empezará a filmarse a finais do 2012.
   A próxima semana comezará en Galicia a rodaxe de Todo é silencio, a nova película de José Luís Corda sobre o thriller homónimo de Manuel Rivas. O filme está producido por Tornasol Films, a mesma produtora que, xunto con Milú Films, adquiriu os dereitos de A praia dous afogados, segunda novela de Domingo Villar sobre o detective Leo Caldas. O autor confirma que actualmente leva a cabo o «proceso de adaptación do guion».
   Pola súa banda, José Luís García Sánchez dirixirá Sete palabras, de Suso de Toro .

La Voz de Galicia, 25/8/2011

5/2/11

A cuarta parede


Nace "A Cuarta Parede", primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica.

Trátase dunha publicación na rede que editan Víctor Paz Morandeira e Eloy Domínguez Serén, amantes do sétimo arte e colaboradores activos en diversas publicacións. Ambos decidiron o pasado outubro, no marco do festival de Sitges, crear esta nova web para "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua", explica Víctor Paz.

Na súa páxina web traballarán ao redor de trinta colaboradores, entre os que se contan recoñecidos críticos como Jaime Pena -coordinador da programación do CGAI- ou cineastas da talla de Ángel Santos e Alberte Pagán. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico.

O principal foco de atención de A Cuarta Parede é o cine de autor de actualidade, aínda que Paz comenta que non se rexeitará "falar de temas máis atemporais que promovan un intenso debate fílmico".

Haberá seis seccións na web, con reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. O apartado Found Footage -Metraxe atopada- presenta un punto novidoso, xa que remite a fragmentos de filmes que son atopados "case por azar, descubertos nunha antiga e abandonada bobina", comenta Víctor Paz.

12/11/10

O retorno ás orixes de Martin Sheen ou Ramón Estévez

The Way (O Camiño, 2010) película dirixida por Emilio Estévez, está protagonizada por Martin Sheen, o actor "hollywoodiense" fillo de pai galego e o inesquecible capitán Willard en Apocalypse Now (1979) de F.F. Coppola ou, máis recentemente, protagonista da serie El ala oeste de la Casablanca.

O filme narra a historia de Tom, un maduro oculista viúvo, afincado en Estados Unidos, feliz no seu pequeno mundo onde o máximo aliciente o ofrecen os seus partidos de golf. En cambio o seu fillo ten ganas de ver mundo, e precisamente na súa aventura de facer o Camiño de Santiago morre nun accidente nos Pirineos. Tom debe acometar a ingrata tarefa de viaxar a Francia a facerse cargo do cadáver. Pero unha vez alí, decide tomar o relevo do seu fillo, e coas súas cinzas facer o Camiño xuntos. Van ser varias semanas en que vai sufrir unha transformación, o seu é unha viaxe non só físico senón interior, onde lle enriquece o contacto con outras persoas que tamén teñen as súas razóns para peregrinar a Santiago de Compostela.


A banda sonora de The Way, creada por Tyler Bates, responsable, entre outras, da música de 300, inclúe as cancións de Berrogüetto Nadal de Luintra e Fusco. Tamén participan artistas do talle de Coldplay, Alanis Morissette ou James Taylor.

NADAL DE LUINTRA



FUSCO

5/11/10

O Apóstolo

Está próxima a estrearse nas salas comerciais O Apóstolo, a primeira película europea de animación stop-motion estereoscópica, dirixida por Fernando Cortizo e protagonizada polas versións animadas dos actores Carlos Blanco, Jorge Sanz, Paul Naschy, Jose Manuel Oliveira "Pico", Celso Bugallo, Luis Tosar, Atilano Franco, Isabel Blanco, Manuel Manquiña, Víctor Mosqueira, Pedro Alonso, Jacobo Rey e Geraldine Chaplin, ambientada no Camiño de Santiago.

A historia de “O Apóstolo” é unha aventura de terror, humor e entretemento que utiliza arquetipos propios da cultura galega; peregrinos, meigas…para adentrarnos na vida dos veciños dunha pequena vila galega tratando de alonxarnos do cliché típico galego para dar unha visión máis interesante e menos estereotipada da nosa cultura.

"O Apóstolo" narra a historia de Ramón, un presidiario que foxe do cárcere e chega a unha pequena e remota aldea da montaña de Lugo buscando un botín que lle permita retirarse da delincuencia. Os aldeáns fixeron un falso desvío no camiño de Santiago para atraer ó lugar peregrinos deseoso de comida e descanso. A pesar do aillada que está a aldea, cando chega, todo son facilidades, todo o pobo festexa a sua chegada, pero algo raro se nota no ambente, todos os veciños que alí se atopan, tratan de repartirse a cada un dos peregrinos entre as suas casas. Tras pasar todo o dia coñecendo a aldea, tratando de localizar a casa onde anos atrás un compañeiro escondera o botín, chega a noite e Ramón é invitado amablemente a retirarse á pensión que lle tocou en sorte. Tras manter unha tensa conversa co dono da casa, Ramón espera á noite para sair na procura do tesouro. A partires de aquí unha serie de misteriosos acontecementos sucederanse durante a noite; meigas, ánimas en pena, turistas,…, e ata o arcevispo, coincidirán nun trepidante final.

Quedamos á espera; mentres tanto aquí vai un adianto co tráiler e o enlace á páxina web:



9/6/10

Cine galego: "18 comidas"

"18 comidas " do director galego Jorge Coira realizará o seu premiere mundial no Festival Internacional Taormina Filme Festival.
Será a película de apertura da Mediterranean Competition (Competencia Oficial do Festival), que comeza o 12 de Xuño.

Cantas historias poden acontecer durante unha comida, nunha cea, nun xantar...?

24 personaxes... 6 historias.......18 comidas

"18 comidas" é unha película que viaxa a través de dezaoito comidas -entre almorzos, comidas e ceas- que nos fan partícipes dalgúns deses momentos que poden cambiar unha vida. Seis historias ao longo dun único día de ficción".


Trátase dunha produción de TIC TAC e ZIRCOZINE coa participación de Televisión de Galicia. Conta con excelentes interpretacións de actores do talle de Luis Tosar, Víctor Clavijo, Sergio Peris-Mencheta, Esperanza Pedreño, Pedro Alonso, María Vázquez, entre outros.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas