Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Encontros literarios
Mostrando entradas con la etiqueta Encontros literarios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontros literarios. Mostrar todas las entradas

2/2/16

A quinta de Saler: os seus lectores e lectoras opinan

A quinta de Saler
Antón Riveiro Coello
Editorial Galaxia, 1999

O afamado autor Antón Riveiro Coello creou esta obra a modo de experimento, no cal un editor contrata a dous escritores que tratan de crear unha novela en conxunto sen  coñecer cada un a identidade do outro, que é descrita no propio libro como unha partida de xadrez, ao efectuar cada un o seu movemento esperando a quenda que lle corresponde.

O editor, Manuel Mouteira, actúa como coordinador no proxecto entre Helena Otero e Bieito Pereira, pero tamén se presentan os acontecementos da súa vida privada, desde a súa profunda adición ao tabaco, que lle provoca unha enfermidade, ata a historia de amor que vive con Helena Otero cando esta vai vivir á casa de turismo rural que pertence á familia de Manuel.

Esta casa, á que se lle deu o nome de “a quinta de Saler”, atópase no Couto Mixto, un territorio situado entre dous concellos do sur da provincia de Ourense, no límite con Portugal. A historia que encerra esta zona remóntase décadas atrás, cando un antepasado de Manuel chamado Toribio Mouteira mercou parte destas terras e decidiu establecer un réxime comunal non pertencente aos reinos de España nin de Portugal, e que foi apoiado por gran parte da veciñanza. Os habitantes do Couto estaban exentos de impostos e tiñan liberdade de cultivos e de comercio, entre outros privilexios. É arredor desta historia onde se sitúa a trama da novela que escriben entre Bieito e Helena, para o que teñen que consultar información aos veciños de máis idade da zona, co que tamén eles descobren os lazos que unen unhas e outras partes dun mesmo relato que garda diversos puntos de vista entre os seus narradores.

Como marco externo de todos estes sucesos, atopámonos cunha declaración nun xulgado que, durante gran parte da obra, non relacionamos de ningunha maneira co resto do libro, pero que finalmente axuda a comprender e a darlle un sentido completo á novela escrita por Riveiro Coello.

Por todo isto, A quinta de Saler é unha obra na que atopamos unha sucesión de feitos e de relatos na que todos gardan unha relación entre si, e é aí onde reside o mérito do autor, tanto polo feito de narrar unha historia dende o punto conflitivo de ser escrita entre dous autores, tendo cada un deles a súa maneira de ver o relato, como tamén por mesturalo cunha historia real como é a do Couto Mixto, que sen dúbida lle achega ao libro un toque interesante para conseguir que o lector goce da experiencia de mergullarse nesta novela.


  
Diego Rivadulla Sánchez, 1º Bach. A

A Quinta de Saler é unha obra na que Antón Riveiro Coello mostra un dominio extraordinario da linguaxe literaria e das técnicas narrativas. É unha novela moi interesante na cal se narran tres historias relacionadas entre si, que se van intercalando.

O libro comeza narrando a historia de Manuel, un editor, que coa axuda de Laura, contrata a dous escritores para realizar unha tarefa. Bieito e Helena non se coñecen entre eles, e mentres semellan estar a xogar unha partida de xadrez, teñen que escribir unha novela sobre o Couto Mixto. Polo tanto, cada capítulo correspóndese cun movemento que cada un fai cunha ficha do taboleiro. A historia narrada nesa novela, sobre a especie de comunismo que Toribio Mouteira intentou instaurar no antigo Couto Mixto, constitúe a segunda historia. Pero ademais disto, cada varios capítulos intercálanse as declaracións dunha serie de persoas. Isto débese a que un policía se apropiou indebidamente destes relatos, despois de que Manuel, Helena e Bieito faleceran nun accidente de coche.

A escolla deste libro pareceume moi boa, non só polas historias que se relatan nel e que fan que te enganches e queiras saber que pasará no seguinte capítulo e como rematará a obra, senón porque a súa estrutura é moi orixinal. A maioría dos libros, teñen unha estrutura lineal e ás veces ata poden aburrir, pero neste caso non é así xa que como intercala tres historias, é mais entretido. Por último, non hai que esquecerse de que a súa lectura precisa unha concentración extra debido a que os personaxes das dúas historias son moi diversos, e isto pode causar confusión entre eles.

Tamara Cao López. 1º de Bach. A

Unha partida de xadrez, testemuños, unha historia dentro doutra, recortes de xornais... unha complexa trama que nos fará poñer en marcha o arrevesado mecanismo que nos fai persoas para comprender toda a información que Antón Riveiro Coello relaciona para crear A quinta de Saler.
No maxín dun editor chamado Manuel Mouteira xorde a idea de encomendarlles a dous escritores unha orixinal tarefa literaria: a escrita dunha novela a dúas mans que titula os seus capítulos con xogadas de xadrez.
Helena e Bieito recollen a historia de Toribio Mouteira, que tras atopar un valioso tesouro vai na busca do seu fillo e da súa muller para levalos vivir a unha quinta na aldea de Meaus , no Couto Mixto, onde trata de instaurar un réxime comunista.
Conforme imos avanzando na lectura o labor complícasenos, facéndonos estar cada vez máis atentos a posibles pormenores que nos servirán para rematar comprendendo a trama ao completo, como as datas dos recortes de xornal que o autor introduce.
Resúltame moi interesante o feito de que a trama cobre sentido grazas ás noticias ás que se fai mención, das cales unha delas nos explica o xaque mate dunha das historias e as demais nos fan entender o significado dos testemuños que aparecen cada certos capítulos.
A complicación da que está dotada a obra é tal, que Riveiro Coello  conseguiu inmiscirme nas súas palabras como poucos fixeron nunca.
Recoméndolle esta obra a calquera que goce con retorcidas tramas fartas dunha importante cantidade de personaxes, todos eles importantes e autores de feitos relevantes no transcurso da acción.
Tamén á xente á que lle guste a historia, xa que a obra aproxímanos á República Independente que existía na zona raiana  alá entre os séculos X e XIX. Refírome ao Couto Mixto.
Alicia Seoane Freire. 1º BAC. A



O escritor de A Quinta de Saler, Antón Riveiro Coello, é un representante coñecido da narrativa en lingua galega. Destaca polas súas producións como As rulas de Bakunin (2000) que foi traducida a varios idiomas (portugués, castelán, italiano), Sempre en galego (2007) e Laura no deserto (2011).
Nesta obra, A Quinta de Saler, o autor cóntanos varias historias pero todas elas están relacionadas. Sitúanse en diferentes épocas pero baixo un mesmo plano xeográfico: a quinta.  
Nunha delas, Manuel é o protagonista, un editor de novelas. Este contrata a dous escritores, Helena e Bieito, para que relaten unha novela entre ambos simulando unha partida de xadrez, na cal, xunto cos movementos realizados por cada un, irán achegando cadanseu capítulo dun relato.
Mediante o pretexto deste xogo de mesa, desencadéase o outro plano. Ambientado na raia galego-portuguesa do século XIX. Toribio Mouteira, nado no seo dunha familia sobranceira, que por certas circunstancias e coa súa chegada a Meaus, propicia o Couto Mixto, unha comunidade con ideoloxía marxista impulsada por este, polo que foi destacado, recoñecido e perseguido.
Ademais, cada tres capítulos desta obra, aparecen uns fragmentos dunha sentenza. Xa dende o comezo, o autor anticipa o final mais, o lector ten que chegar ata o final para poder comprendela. É unha continuación da historia principal. Trala morte dos/as personaxes por un accidente de tráfico, cúlpase a un individuo por plaxio e de tomar posesión daquela obra feita por eles.
É un libro recomendable, xa que emprega unha estrutura diferente para organizar unha obra que provoca atracción por parte do lector para rematala; preséntanse as diferentes historias de xeito que se enlazan co propio relato, creando interese e curiosidade, algo que me sorprendeu e me animou a continuar.  
Marta García. 1º Bach. A




A Quinta de Saler, unha novela escrita por Antón Riveiro Coello finalista do Premio de narrativa Torrente Ballester de 1998, conta a historia de Manuel, un coñecido editor, que decide crear unha novela enfrontado a dous autores, como nunha partida de xadrez;  é dicir, por quendas, escribindo os capítulos de forma alterna e sen coñecer quen será o outro escritor. Os dous autores, Helena e Bieito, recibirían 5 millóns de euros de completaren o traballo. Ambos aceptan.

Bieito decide traballar dende a súa casa, imaxinando quen pode ser o seu rival, mentres que Helena pídelle a Manuel que lle prepare un  cuarto no pazo para escribir dende alí e informarse, pois o tema era sobre un antepasado do editor , Toribio Mouteira, que mercara o pazo e creara un réxime de igualdade na vila.

Tras un tempo, coa obra a piques de rematar e con Helena e Manuel namorados tras un episodio na biblioteca da Quinta, Bieito solicítalle un lugar para aloxarse na zona para rematar o libro alí e para tratar de coñecer as opinións da xente sobre o antepasado de Manuel. Este dálle aloxamento nunha aldea próxima, tratando de evitar que os ‘contrincantes’ se vexan. Bieito remata a súa parte e Helena tamén, cunha aparición de Manuel no medio. Todos deciden ir verse, mais un accidente impedirá que vexan cumpridos os seus desexos.

Ademais, Riveiro Coello inclúe extractos dun suposto xuízo sobre unha persoa que supostamente roubara a historia tras o terrible accidente, que finalmente sae como inocente.

A min a obra pareceume realmente interesante, pois conta tres historias á vez: a do atrevido editor ao que lle gusta o risco, incluíndo nas súas páxinas todo tipo de situacións, dende unha escena de amor ata unha de morte, a historia de Toribio Mouteira e o seu paso polo Couto Mixto e a declaración do xuízo. Por todo isto rematei a súa lectura satisfeito tras ler unha historia que profundiza na mente e nas ideas dun editor e achega ideas para facer novas novelas.

Pedro Liñeira Rey. 1º Bach. A

A quinta de Saler presenta unha estrutura que pretende manter enganchado ao lector. O seu autor, Antón Riveiro Coello, cóntanos tres historias simultáneas, unha das cales semella unha partida de xadrez. Son historias moi diferentes que ao final cobran sentido e encaixan como se dunha soa se tratase. Por unha parte sábese sobre o xuízo dun acidente que discorre ao longo da obra, facendo coñecer os protagonistas das outras historias.

Manuel, un editor, contrata dous escritores, Helena e Bieito, para que escriban entre eles, pero sen coñecerse, unha novela sobre un home que intentou instaurar un sistema político semellante ao comunismo no Couto Mixto. Este antigo território está situado no sur de Ourense e, entre outras moitas particularidades, os seus habitantes poden elixir ser de nacionalidade española ou portuguesa.
Para construír a súa historia, Helena vai pasar uns días a Meaus onde vai atopar un lote de información para o seu traballo e onde vai encontrar a inspiración que necesita.  Entre ela e Bieito tecen a historia de Toribio Mouteira e da creación do Couto Mixto.
Así, devagar, vaise construíndo unha historia ben interesante, que te mantén con intriga dende o principio, e cun final, quizais, algo inesperado. Unha obra que recomendo para pasar un bo momento e tamén para aprender sobre a nosa historia.
Andrea Seoane Vázquez. 1º Bach. A


Antón Riveiro Coello, finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester en 1998 grazas ao libro “A Quinta de Saler”, Antón Riveiro Coello achéganos unha novela escrita cun perfecto dominio da linguaxe e das técnicas narrativas.

A súa estrutura é bastante complexa debido a que o autor mestura dúas historias completamente diferentes e, o testemuño dunha persoa que logrará ó remate da obra facer xustiza ante os tribunais.
O relato ambientase en diferentes lugares; entre eles os tribunais, a Quinta de Saler e o Couto Mixto. Tamén trata diversos temas como a morte, a xustiza, o amor e o comunismo entre outros.
Na novela cóntanos como Manuel Mouteira, un editor, contrata a dous escritores para escribir unha novela compartida sobre O Liberal de Saler, un home que intentou instaurar unha especie de comunismo no Antigo Couto Mixto. Os dous escritores non se coñecerían ata o remate, pero este final viuse truncado por un accidente de tráfico mortal entre o editor, os escritores e a parella de Bieito, Sabela. O libro nunca se publicaría, pero un home encontrouno e logrou que se fixera xustiza ante os tribunais e o libro saíra á luz, sempre e cando deixara constancia dos verdadeiros escritores do relato.
Pareceume unha novela interesante e misteriosa posto que nunca lera ningún libro semellante, cunha estrutura tan complexa e diferente. Ao principio non entendes o porqué dalgunhas cousas,  pero a medida que vas avanzando na lectura o teu punto de vista vai cambiando. Cando realmente pensas que xa entendiches o relato o final sorpréndete explicándoche o porqué daquelas letras en cursiva que para min non tiñan sentido.
Andrea Cabo Lamas. 1º bach. A
A Quinta de Saler foi publicada por primeira vez en 1999 e supuxo a dedicación literaria de Antón Riveiro Coello. Nesta obra cóntanos como Manuel decide contratar a dous escritores, Helena e Bieito, para que escriban unha obra simulando unha partida de xadrez. Estes non se coñecen e teñen que ir escribindo capítulos dese libro, de xeito que cada un deles é un movemento do xogo. A partida comezará a partir dun fragmento que ten escrito Manuel que se chama o Liberal de Saler.
Helena está a vivir na Quinta de Saler, que é da familia do editor, para así poder estar ben informada e poder contar na novela o que a ela lle van contando, historias como a do señor Secundino que tivo que aprender un libro de memoria para poder librarse da morte.
A historia vai pasando, Helena e Manuel namóranse, Bieito segue coa ilusión de que o contrincante sexa o seu gran ídolo Ferrín. Cando, por fin, toca coñecerse, Manuel dille a Bieito que vaia ata a Quinta para atoparse co seu opoñente literario. Este, entusiasmado polo encontro con Ferrín vai a toda velocidades pola estrada, ata que ocorre un fatídico accidente e colisiona con outro coche, causando a morte de tres dos catro ocupantes e ferido grave o único que sobrevive.
Paralelamente vanse contando outras dúas historias: un xuízo que só cobrará sentido ao final da obra, e a partida- novela que escriben Bieito e Helena. Esta última, ambientada no século XIX nárranos como era a vida naquela época na República Independente do Couto Mixto, de onde procedían os antepasados de Manuel.
Para o punto e final desta partida-novela, elixiron un final aberto, coa desaparición de Toribio Mouteira e Pedro de Segade, a norte de Mariña, o ingreso de Tonino no seminario e a morte de Florinda, nai de Sozinha.
Paréceme una obra recomendable xa que é entretida e interesante dende o punto de vista histórico. Tamén nos pode dar unha pequena lección de superación pola maneira de afrontar Manuel o seu medo a que o vulto que atopou sexa un cancro coma o que levou a seu pai á tumba.
Paula Sánchez Merelas, 1°Bach A

25/1/16

O vindeiro 3 de febreiro, ás 12:45, Antón Riveiro Coello visitará o noso centro. Os alumnos e alumnas de 1º bacharelato debateremos con el sobre A quinta de Saler. 

20/1/15

Visitounos Francisco Castro



O día 12 de xaneiro tivemos connosco ao escritor Francisco Castro, autor de Chamádeme Simbad. Ao responder as nosas preguntas realizou unha explicación moi clara e precisa na que se notaba que foi mestre. 
Explicounos que Chamádeme Simbad ten moitos elementos autobiográficos, xa que comezou a escribir esta obra cando a súa nai lle diagnosticaron alzheimer. Esta novela fíxoa coa finalidade de explicarlle a enfermidade ao seu fillo que naquel momento era pequeno. 
Unha cousa moi interesante que nos dixo foi que o que máis lle custa é escribir as 20 primeiras páxinas. El afirma que ten sorte de poder dedicarse  ao que máis lle gusta que é ler e escribir. Neste momento ten unha obra entre mans. 
Outra cousa que nos contou foi que nunha entrevista para un xornal lle preguntaron por que escribía en galego e el respondeu: cando era pequeno levei un golpe na cabeza e quedei parvo. Logo díxonos que el escribía en galego porque é natural. Se un francés escribe en francés, un italiano en italiano e un inglés en inglés por que non ía el sendo galego escribir na súa lingua?

Falounos moito das profesións de médico e profesor, que segundo pensa non reciben o recoñecemento social que merecen. Tamén nos explicou que co 10% dos cartos que se empregan para fichar a Ronaldo poderíanse comprar todos os medicamentos necesarios para curar a enfermidade da hepatite C.  
El non ten soamente un traballo, senón  que é tamén o presidente de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).Como toda persoa ten afeccións; a súa é tocar a guitarra e faino nun grupo que formou no instituto. O seu grupo musical favorito son os Beatles. 
A sesión quedounos moi curta e non puidemos formularlle todas as preguntas que quixeramos. Moitas grazas, Francisco e ata sempre. 

Ángela Prado Penas e Laura Astray Sánchez, 1º ESO

13/2/14

Encontro literario con Andrea Maceiras


A escritora Andrea Maceiras visitou o noso centro para falarnos sobre unha obra que  lemos ao longo do primeiro trimestre deste curso: O segredo do lagarto arnal.
 
Comezamos o encontro cunha breve presentación realizada por tres alumnos sobre  a autora e as súas obras. A continuación,  Andrea Maceiras falounos da súa novela, dos personaxes, da historia... Unha parte moi interesante da charla foi cando xurdiu a temática do acoso, aspecto este moi destacable no libro que a escritora comentou dándolle especial importancia. Fíxonos reflexionar sobre este tema poñendo exemplos moi próximos a nós (Os Simpsons).
 
Despois  respondeu ás nosas preguntas. Estas foron moi variadas: algunhas sobre a obra en cuestión e outras relacionadas co seu traballo como escritora. Contounos que comezou a escribir cando tiña a nosa idade  e animounos a presentar os nosos traballos a concursos literarios. Tamén nos comentou cales eran as súas lecturas preferidas e a importancia que tiñan a lectura e a escritura na súa vida.

Finalmente, Andrea visitou a nosa biblioteca e alí  concedeunos unha entrevista  que publicaremos no blog en breve.


  Moitas grazas Andrea,  polo teu libro, pola túa amabilidade e simpatía e, sobre todo,  por  compartir este tempo connosco.

                                 Alumnado de 1º ESO

12/2/14

PACO ROCA... ENTRE NÓS

   
    Tivemos esta mañán a sorte de abrir as portas da nosa biblioteca ao escritor e deseñador de novela gráfica Paco Roca. Da súa man percorremos tramos realmente interesantes no camiño da súa experiencia no mundo da narración ilustrada: poidemos saber de primeira man como chegou a esta profesión, cal é o seu obxectivo cando conta e debuxa historias, a laboriosidade que implica a tarefa de artellar unha historia  coma as que el fai...
 
 
    Moitas foron as mensaxes que nos deixou enriba da mesa, pero de todas elas unha segue a rondar no noso pensamento: hai que loitar na vida polo que un se propón, podemos errar no camiño algunha vez, pero iso non vai impedir, se temos moi clara a meta, chegar ó destino desexado.
 

                          Grazas, Paco, por facernos sentir tan preto da literatura e de quen a fai.

Encontro con Paco Roca

"Considérome un deses privilexiados que conseguiu vivir do seu soño infantil. Dende pequeno quería traballar debuxando e na actualidade compaxino a ilustración co cómic"




El Faro (2004): Premio ao Mellor Guión Realista polo Diario de Avisos de Tenerife 2005.

Arrugas / Engurras (2007): Premio Nacional do Cómic 2008, Premio ao Mellor Guión de Autor Español e á Mellor Obra de Autor Español do 2007 no XXVI Saló Internacional de Cómic de Barcelona, Premio Gran Guinigi á Mellor Historia Longa do Festival de Lucca 2008 (Italia), Premio ao Mellor Álbum no Festival de Roma, Premios Dolmen da crítica 2008 ao Mellor Guión e á Mellor Obra, Premio Expocómic 2008 á Mellor Obra Española.

El invierno del dibujante (2010): XXXI premio Diario de Avisos de Tenerife 2008 ao Mellor Guión de Historieta Realista, Mellor Obra Española do Salón do Cómic de Barcelona 2011 e Mellor Obra e Mellor Guión en Expocómic 2011, Premio ao Mejor Autor Extranxeiro no VIII Treviso Comic Book Festival 2011(Italia), Premio ao Mejor Guión Nacional e Mellor Obra Nacional en Expocómic 2011.


Paco Roca naceu no ano 1969 no barrio de Patraix da cidade de Valencia. Tan amante dos tebeos de Bruguera o de Frank Miller como de Hergé ou Carlos Giménez, Roca decidiu volcar a súa paixón polo debuxo na súa primeira etapa colexial antes de estudar Belas Artes.

Nos años 90 debuxou cómic erótico en “Kiss Comix” e “El Víbora”, sendo o autor de varias portadas de ámbalas dúas revistas. En “El Víbora” colaborou co guionista Juan Miguel Aguilera para crear Road Cartoons (1998). Dous anos despois publicaron o libro en branco e negro GOG (2000), primeiro álbum de Roca tras os seus anteriores traballos de historias curtas. Máis tarde o autor valenciano publicou en solitario El juego lúgubre (2001), cómic inspirado polo pintor surrealista Salvador Dalí que na súa orixe foi editado en branco e negro e mais tarde coloreado, Hijos de La Alhambra (2003), con influencias de Washington Irving e o protagonismo nun pintor romántico francés na Granada do século XIX, e El faro (2005), álbum con ambientación costeira e intercambio de ideas no contexto da Guerra Civil Española.

Arrugas / Engurras (2007), historias sobre o Alzheimer e a vellez, foi a súa revelación internacional e unha obra que lle valeu o Premio Nacional de Cómic 2008.

Outros títulos da súa bibliografía son Las calles de arena (2008), Senderos (2009), Emotional world tour (2009), El invierno del dibujante (2010), crónica sobre os debuxantes de Bruguera nos anos 50, Memorias de un hombre en pijama (2011), volume que recompila tiras dominicais aparecidas no xornal “Las Provincias” ou La Metamorfosis (2011), con ilustracións baseadas no texto do autor checo Franz Kakfa. O seu último cómic é Los surcos del azar (2013), libro sobre La Nueve, unha compañía militar formada por republicanos españois que loitou en Francia contra os nazis.

Paco Roca tamén traballou no cine coa adaptación de Engurras como película de animación clásica. Producida por Perro Verde Films e Cromosoma, dirixida por Ignacio Ferreras e na que Paco Roca exerceu de guionista e realizou o deseño de personaxes, a película obtivo dous Premios Goya, á Mellor Película de Animación e ao Mellor Guión Adaptado. Foi tamén preseleccionada para os Oscar á Mellor Película de Animación e obtivo cinco premios Mestre Mateo (Longametraxe de Animación, Guión, Dirección Artística, Son, Música Orixinal).

Para a televisión ten feito sketch e cabeceiras para algúns programas. Na radio colabora todas as semanas dende hai anos nun faladoiro radiofónico en Punto Radio Valencia. Dende 2013 Roca é, xunto co debuxante Max, un dos encargados da sección de cómic de El País Semanal.

Fontes:

Páxina web de Paco Roca

Guía do cómic

Astiberri

El País

18/3/13

XX Semana Cultural - Luns

Xosé Manuel Beiras Torrado





Charla: Crise e movementos sociais. Alternativas
Relator: Xosé Manuel Beiras Torrado (Catedrático de Estrutura Económica da USC e dirixente histórico do nacionalismo galego)




 



    
José Antonio Vázquez Taín







Charla: A función da Xustiza
Relator: J. A. Vázquez Taín (Xuíz)










Charla: O Deportivo da Coruña: alegrías,ilusión, sentimento e situación
Relator: Alberto Gómez Barros (Xornalista deportivo. Onda Cero, Radio Coruña)

Carlos Negro







    Encontro literario: Carlos Negro (Poeta e profesor)








Obradoiro: Linguaxe publicitaria
Imparte: Equipo biblioteca

29/11/11

Encontro literario con Marica Campo



Marica Campo

O próximo luns, 5 de decembro, virá Marica Campo ao IES de Curtis onde falará cos alumnos e alumnas de primeiro da ESO do seu libro E Xoel aprendeu a voar.

Información sobre  a autora: na wikipedia e na AELG.

Reporteiros da noticia:
                                  Daniel Seoane Regueiro
                                  Rodrigo Matos Barral




Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas