Blog da Biblioteca do IES de Curtis: libro infantil e xuvenil
Mostrando entradas con la etiqueta libro infantil e xuvenil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta libro infantil e xuvenil. Mostrar todas las entradas

4/3/12

Salón do Libro Infantil e Xuvenil



Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

O tema deste ano é 12 + 1. O Salón indagará nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números: 12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trevo de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor.
O autor homenaxeado de 2012 é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo en 1940, autor de Das cousas de Ramón Lamote.
Está a piques de comezar o Salón 12+1. Crucemos os dedos!



5/4/11

LITERATURA PARA TOCAR, PARA VER, PARA SENTIR...

Vén de conmemorarse, o sábado día 2 de abril, o día do libro infantil e xuvenil. No IES de Curtis , con tal motivo, sacamos dos andeis libros e DVD de literatura para os nosos adolescentes.
De súpeto, como por arte de maxia, apareceron ante nós os mundos máis variopintos e entretidos que poidades imaxinar... Pola mesa de exposicións da nosa biblio camiñan, incansablemente, da man J. London, Manuel Lourenzo, J. Verne, María Reimondez, Andreu Martïn, A. Fernández Paz, Quino, Goscinny e Uderzo, J. A. Rowling... Son tantos, que case non os podemos recoñecer...E falan e falan sen parar, facéndonos acenos coas mans para que entremos pola fabulosa porta da ficción: pódennos relatar os Contos por palabras, ou levarnos a Narnia ou ó colexio de Harry  Potter, tal vez prefiramos viaxar á lúa, ou ás profundidades do mar... que tal se probamos os efectos de contar estrelas? Nunca entrastes no país das marabillas? Pois xa o sabedes, nunca é tarde para explorar novos mundos, sobre todo cando o billete para viaxar está tan preto das nosas mans.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas