Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Premio Nacional de Poesía
Mostrando entradas con la etiqueta Premio Nacional de Poesía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Premio Nacional de Poesía. Mostrar todas las entradas

28/10/15

Gonzalo Hermo gaña o Premio Nacional de Poesía Nova «Miguel Hernández»



Dende a Biblioteca Sarmiento facémonos eco dunha marabillosa nova para a nosa cultura: o escritor Gonzalo Hermo vén de gañar  o Premio Nacional de Poesía Nova «Miguel Hernández» coa obra escrita en galego  Celebración (Apiario, 2014). 

O  premio, dotado con 20.000 euros,  distingue a mellor obra de poesía publicada en 2014 por un autor español menor de 31 años. O autor celebrou a mirada cara  outras linguas do Estado con este recoñecemento e co recentemente outorgado a Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Escarlatina, a cociñeira defunta). O xurado do premio, promovido polo ministerio de Educación, Cultura e Deporte, valorou en Hermo a súa aposta por abrir novos camiños para a expresión poética.


Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987), licenciado en Filoloxía Galega, empregado no Instituto da Lingua Galega e membro do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata, publicou as súas primeiras obras en revistas como Dorna, Andar 21 ou Nova Ólisbos e, posteriormente, a colección de poemas Escola do resentimento na Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe. Logo editou o libro de poemas Crac (2011), co que gañou o premio de poesía do certame Xuventude Crea, e Celebración, que mereceu o Premio da Crítica de Poesía en galego.


 Parabéns ao galardoado! Podedes procurar máis información no blog do autor.

12/10/13

Premio Nacional de Poesía

 

Comezamos curso cunha boa nova para as letras galegas. O poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932)  vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa.        
 O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte  recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. Esta   é a primeira vez que se concede a unha obra escrita en galego.
 
 O poemario Os ángulos da brasa , editado por Faktoría K de Kalandraka, recibiu, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Española, o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Anxel Casal da Asociación Galega de Editores.
 

 O autor  está considerado unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea.   A súa traxectoria está caracterizada pola  discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios. Despois de traballar moitos anos como xornalista, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicou Memoria dun silencio. Na obra premiada afonda  nunha poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiáns que  toman forma poética.
 
 Xosé Manuel Eiré, crítico literario que formou parte dun dos xurados que premiou a Torneiro, apuntou no seu blogue  Ferradura  que  Os ángulos da brasa: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano".
 
 Parabéns ao autor e á cultura galega!
 
 
 
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas