No blog do club de lectura do noso centro damos conta das reunións e postas en común nas que falamos dos libros que compartimos. Elaboramos resumos, recensións, presentacións ou vídeos tomando como base as lecturas que nos conmoven, divirten, aterrorizan... Velaquí unha mostra: un magnífico vídeo elaborado por Laura Míguez de 4ºESO A, quen, como unha verdadeira "booktuber", nos recomenda un libro de relatos de Agustín Fernández Paz que vai camiño de converterse nun clásico das nosas letras.
Páxinas
"Non hai ningunha lectura perigosa. O mal non entra nunca pola intelixencia cando o corazón está san"
Jacinto Benavente
Jacinto Benavente
Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas
19/1/17
3/10/16
O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR
O único que queda é o amor... É a idea a transmitir e coa que eu quedo
tras a lectura da trama de historias que Fernández Paz crea para demostrarlle a
calquera que o lea o poder dese sentimento, o amor, unicamente coñecido por
aqueles cuxas historias amorosas non remataron tan ben como algún día se
esperou que o fixesen. O autor consegue o seu obxectivo poñendo en boca de
narradores un tanto peculiares, inda que sempre moi humanos e vivos, como
descubrirás durante a lectura, historias fermosísimas desenvolvidas en
localizacións xeográficas e espazos invadidos de elementos característicos da
nosa cultura e perfectamente recoñecibles por calquera, ademais de apreciados
especialmente polo noso pobo.


Alicia
Seoane Freire 2º BACH A
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
O pasado 12 de xullo faleceu Agustín Fernández Paz. A Biblioteca Sarmiento lamenta profundamente a enorme perda que a súa desaparición supón para as nosas letras. Todos, alumnos e profesores, ficamos orfos dun gran mestre que soubo transmitir como ninguén o seu amor pola lectura a tantas e tantas xeracións. As súas herdanzas quedan entre nós en forma de libros nos andeis da nosa biblioteca e tamén como un legado de ensinanzas relacionadas (como non podía ser doutro xeito) coa importancia da lectura, das bibliotecas, da nosa cultura, da nosa lingua…
Inauguramos o curso dando as grazas ao escritor pola inmensa sabedoría que compartiu con todos nós e facéndolle unha pequena e modesta homenaxe como mellor sabemos: a través da lectura das súas obras.
Rematamos coas súas palabras: Abrir un libro é deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir.
21/5/14
Fantasmas de luz
Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis representativos da literatura
galega. Nado en Vilalba no 1947, traballou ao longo da súa vida como profesor
de primaria e de Lingua e Literatura en secundaria ata a súa prexubilación no 2008. É autor de
libros de texto e de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil.

A historia está narrada en terceira persoa e ambientada
nunha cidade de tamaño medio na época na que os cines locais van perdendo pouco
a pouco a súa importancia en favor dos centros comerciais; é dicir, é unha historia de actualidade. Quizais, o
máis característico da mesma sexan as constantes referencias ao cine, aos
grandes filmes estreados durante os últimos anos, que veñen completados cunha
ficha técnica de cada un deles ao final do libro. Por todo isto, poderiamos
dicir que se trata dunha obra de especial interese para aquelas persoas ás que
lles guste o mundo do cine. Pero non é unha historia dedicada en exclusiva aos
afeccionados ao cinema, a gran maioría da poboación podería sentirse
identificada coas vidas dos protagonistas. Podemos dicir que esta historia foi
escrita por Agustín Fernández Paz cunha intención ben clara: facer unha
denuncia das desigualdades sociais do momento, recorrendo perfectamente á
metáfora da transparencia dos corpos para representar á clase marxinada e
excluída á que ninguén escoita. En definitiva, podemos dicir que Fantasmas de luz é un libro para todos.
Para min, debería ser unha das obras máis relevantes dos nosos días, por estar
máis vixente do que moitos podemos chegar a pensar e por facer reflexionar ao
lector sobre un mundo no que resulta máis complicado do que debería que certas
persoas se fagan notar e poidan sentirse parte dunha sociedade na que,
teoricamente, todos os individuos somos iguais.
SONIA
LÓPEZ VÁZQUEZ. 2º BACH B
31/10/12
Para ler no Samaín
Hoxe recomendámosvos a lectura do último libro de Agustín Fernández Paz: As fronteiras do medo , recentemente incorporado aos fondos da nosa biblioteca. Con este título tan suxestivo e apropiado para estes días de Samaín, a temática dos seis contos que o integran é doadamente deducible. Velaí un fragmento dun dos relatos que leva por título A Porta do Alén:
Debe saber que no mundo hai determinados lugares, case sempre de carácter sagrado, que albergan as Portas do Alén. Reciben ese nome por seren as que comunican o mundo dos humanos co dos espíritos superiores, que son inmortais de seu. Deuses, demos e outros seres do trasmundo utilízanas para introducirse no noso e influír na evolución da humanidade. Mais estas portas só abren unha noite do ano, a do último día de outubro, cando comeza o ciclo anual en moitas civilizacións antigas.
Se unha persoa consegue entrar por algunha das Portas no momento en que abre e logra permanecer do outro lado durante un curto período de tempo, acadará a condición de inmortal. Mais corre un perigo terrible, como é o quedar atrapado no Alén, condenado a ser escravo de certas criaturas que alí viven. Por iso debe regresar antes de que a porta se cerre de novo, coa certeza de que volverá transmutada nunha persoa inmortal. (Fernández Paz, As fronteiras do medo, páx. 36)
A lectura de As fronteiras do medo e o misterio da Porta do Alén agárdanvos. Quen se atreve a seguir lendo?
23/4/12
Os ríos da vida

Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos dexente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles…
Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir.
Agustín Fernández Paz
12/1/12
Nova web sobre Agustín Fernández Paz

Na Biblioteca Sarmiento sentimos que é un merecido recoñecemento do que nos congratulamos como lectores. Sen dúbida, unha boa nova para a nosa literatura e tamén para a nosa lingua.
Vía: Xerais
14/12/11
Publícase un relato de «O único que queda é o amor», de Agustín Fernández Paz en «Best European Fiction 2012»
Publicouse xa o libro Best European Fiction 2012, onde aparece o relato «This Strange Lucidity», de Agustín Fernández Paz, pertencente ao libro O único que queda é o amor.
Agustín Fernández Paz é o primeiro autor galego en ser incluído na antoloxía Best European Fiction 2012, que edita a editorial Dalkey Archive Press. Agustín forma parte da antoloxía, que é responsabilidade de Aleksandar Hemon, co relato «Esta estraña lucidez». O único que queda é o amor foi traducido ao inglés por Jonathan Dunne. A antoloxía publícase cunha tira de 15.000 exemplares. Para Dunne, «Esta estraña lucidez» é formalmente máis anovador que outros relatos do conxunto, porque a voz narradora é o fantasma dun can.
Vía Xerais
28/11/11
A cultura galega viaxa a México


Trátase de mozos tepehuanos do norte, unha das máis de 60 etnias existentes en México que, segundo destacou Rosa Aneiros, "reciben unha educación bilingüe" tanto en español como na lingua autóctona. "Será interesante explicarlles que hai outros lugares onde tamén se fala e estúdase nunha lingua propia", sinalou a autora, en alusión ao galego.

13/9/11
Parabéns, Agustín!
A literatura galega vístese de gala, xa que Agustín Fernández Paz vén de ser galardoado co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil na cidade de Guadalajara (Méjico).
O premio, dotado con 30.000 dólares (uns 22.000 euros), recoñece a traxectoria de autores de recoñecido prestixio. Convócao anualmente o Instituto SM para a Educación xunto coas institucións que conforman a Asociación do Premio: Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), International Board on Books for Young People (IBBY), Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC).
Agustín, que sempre escribe en galego porque segundo ten manifestado en distintas ocasión esta é a súa lingua habitual e literaria, é premio nacional de literatura infantil e xuvenil en España (2008) pola súa obra O único que queda é o amor. El non concorda con aqueles que pensan que escribir nunha lingua minorizada pecha portas, e este galardón vén darlle unha vez máis a razón.
Grazas, Agustín, por volvernos facer sentir universais dende a nosa lingua e a nosa cultura.
19/6/11
Homenaxe a Agustín Fernández Paz
O pasado 4 de maio a CGENDL organizou un acto no Museo do Pobo Galego co obxectivo de visibilizar os vinte anos de traballo dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Neste contexto rendeuse unha sentida homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz. Das distintas intervencións do devandito acto, salientamos a seguinte:
22/5/11
Agustín Fernández Paz
Non hai noite tan longa é a última novela publicada por Agustín Fernández Paz.
Sinopse
Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar.
Editorial Xerais
O autor dixo
Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda fala iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou ven do agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración.
04/05/2011 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)
Pódese descargar aquí o primeiro capítulo de Non hai noite tan longa .
13/2/11
Chega o Día do Amor e d@s Namorad@s
Aquí déixovos unha serie de interesantes e preciosas achegas de bibliotecas amigas para o Día dos Namorados.
(IES de Fene)
17/11/10
Agustín Fernández Paz rexeita o Premio das Letras da Cultura Galega

O escritor Agustín Fernández Paz foi galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria vinculada á literatura galega. Este, mediante un comunicado, ven de rexeitar o premio "por coherencia". Acóllese aos motivos do comunicado de Prolingua do 8 de outubro no que, baixo o lema "Rosalía de Castro nunca aceptaría este premio'", se fai un chamamento ás persoas relacionadas co sector cultural a rexeitar os novos galardóns da Xunta. ''Xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato'', se di no documento.
30/9/09
En Madrid, no Metro.

Formando parte da campaña Libros a la Calle, organizada polos libreiros e editores madrileños, atopamos , no Metro madrileño, textos de Agustín Fernández Paz pertencentes O único que queda é o amor
14/6/09
Un radiante silencio


É o relato que abre O único que queda é o amor, o tan celebrado libro de Agustín Fernández Paz . O relato, como o resto do libro, é mui poético e trasmite o amor do autor pola literatura.
Un triángulo amoroso entre Sara, Pablo e súas illas persoais . Sara acude diariamente a unha librería próxima á súa oficina, nela atopa un espacio de lecer, un oasis preto da oficina do banco no que é executiva.Pronto comenza a atopar mensaxes de amor en clave literaria, un verso, unha estrofa, un fragmento que a emocionan e orientan nas súas lecturas; anque intenta descubrir o posible autor, non da con el, polo que deixara de acudir á librería. Nunca saberá quen lle proporcionou aqueles momentos diarios de pracer.
Pablo ,o librero resignado á ausencia de Sara queimara as tarxetas con versos que tiña dispostas para ela.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas