Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Cine
Mostrando entradas con la etiqueta Cine. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cine. Mostrar todas las entradas

17/8/12

La educación prohibida

"La Educación Prohibida" é unha película documental que se propón cuestionar as lóxicas da escolarización moderna e a forma de entender a educación, visibilizando experiencias educativas diferentes, non convencionais que expón a necesidade dun novo paradigma educativo.

A Educación Prohibida é un proxecto realizado por mozos que partiron desde a visión do quen aprenden e embarcáronse nunha investigación que cobre 8 países realizando entrevistas a máis de 90 educadores de propostas educativas alternativas. A película foi financiada colectivamente grazas a centos de coproductores e ten licenzas libres que permiten e alentan a súa copia e reprodución.

A Educación Prohibida proponse alimentar e disparar un debate reflexión social acerca das bases que sosteñen a escola, promovendo o desenvolvemento dunha educación integral centrada no amor, o respecto, a liberdade e a aprendizaxe.


Sinopsis

A escola cumpriu xa máis de 200 anos de existencia e é aínda considerada a principal forma de acceso á educación. Hoxe en día, a escola e a educación son conceptos amplamente discutidos en foros académicos, políticas públicas, institucións educativas, medios de comunicación e espazos da sociedade civil. Desde a súa orixe, a institución escolar estivo caracterizada por estruturas e prácticas que hoxe se consideran maiormente obsoletas e anacrónicas. Dicimos que non acompañan as necesidades do Século XXI. A súa principal carencia atópase nun deseño que non considera a natureza da aprendizaxe, a liberdade de elección ou a importancia que teñen o amor e os vínculos humanos no desenvolvemento individual e colectivo.

A partir destas reflexións críticas xurdiron, ao longo dos anos, propostas e prácticas que pensaron e pensan a educación dunha forma diferente. "A Educación Prohibida" é unha película documental que propón recuperar moitas delas, explorar as súas ideas e visibilizar aquelas experiencias que se atreveron a cambiar as estruturas do modelo educativo da escola tradicional.

Máis de 90 entrevistas a educadores, académicos, profesionais, autores, nais e pais; un percorrido por 8 países de Iberoamérica pasando por 45 experiencias educativas non convencionais; máis de 25.000 seguidores nas redes sociais antes da súa estrea e un total de 704 coproductores que participaron no seu financiamento colectivo, converteron a "La Educación Prohibida" nun fenómeno único. Un proxecto totalmente independente dunha magnitude inédita, que dá conta da necesidade latente do crecemento e xurdimento de novas formas de educación.


2/12/11

Premios aos gañadores do concurso Fai unha de medo!

Hoxe, 2 de decembro, fíxose a entrega do 1º premio e de dous 2º premios ex aequo aos gañadores do concurso Fai unha de medo!. Cómpre felicitar aos rapaces e rapazas destes tres equipos, que fixeron un traballo digno de eloxio sobre o cine de terror dos últimos anos. Aproveitamos para agradecer a todos os participantes o seu interese e entusiasmo pola temática cinematográfica. 

1º Premio
David García Sánchez
Iván Astray Ben

2º Premio ex aequo
Alba Núñez Aldudo
Natalia Calvo Rendal

Jorge Paz Ares
Javier Ares Vilariño

4/11/11

FAI UNHA UNHA DE MEDO!

   Se che gusta o medo, a intriga, o suspense... o cine... e a investigación... ofrecémosche a oportunidade de demostrar as túas habilidades nestes campos. Vén de arrincar esta semana o concurso Fai unha de medo, organizado polo Equipo de Biblioteca: no corredor da biblio tedes colocadas secuencias de 33 películas de terror: haberá premios (1º e 2º) para aqueles concursantes que acerten o maior número de títulos e directores (deben acompañar cada resposta dun brevísimo resumo argumental). Animádevos: nesta actividade pode participar todo o alumnado do centro e pode facelo desde o día 2 ata o 18 de novembro, recollendo na biblioteca as táboas para cubrir datos.   Por se vos serve de axuda, en breve subiremos ao blog as imaxes das películas, por se algún de vós quere consultalas aquí.

SORTE A TODOS OS PARTICIPANTES !

3/11/11

One day (Siempre el mismo día)


O outro fun o cine a ver One day (Siempre el mismo día).
Eu xa coñecía a anterior desta directora, An Education, e aínda que me gustara, sobre todo pola súa ambientación e o tema que trataba, sen embargo o tratamento parecérame un pouco superficial.
Á directora danesa Lone Scherfig gustánlle as historias de amor. Debutou no cine humanizando o movemento Dogma de Lars Von Trier con Italiano para principiantes (coa que conseguiu varios premios no Festival de Berlín de 2001). Logo viñeron Wilbur quérese suicidar e Hjemve. E de aí pasou a rodar en inglés con outro traballo que en 2009 acumulou candidaturas e premios, especialmente tres para os Oscar (entre elas Mellor película): An education.
One day (Sempre o mesmo día), que se estreou en España o 14 de outubro, é unha adaptación da novela de David Nicholls.
Emma (Anne Hathaway) e Dexter (Jim Sturgess) manteñen unha relación de amizade e amor a partir dun 15 de xullo de 1988. Durante 20 anos sempre se reencontran o 15 de xullo. Segundo Nicholls, que é tamén guionista da pelicula, estamos ante "unha historia de amor que fala tamén de amizade e da familia, de nostalxia e pesar, e de que as nosas esperanzas e soños nunca se fan do todo realidade, polo menos non tal como esperabamos. ten un sabor agridulce. É unha historia convencional -chico coñece chica e seguen camiños diferentes para logo reencontrarse- que, sen embargo, afonda nunha historia de amor feita de desencuentros e pasos en falso, un tenso xogo de sedución entre aparentes contrarios, que segue máis aló de onde unha comedia romántica.


'One Day (Siempre el mismo día)' - Tráiler español por elseptimoarte

19/9/11

Oito obras literarias galegas preparan a súa adaptación ao cine

   
  Oito obras da literatura galega prepáranse para cruzar a liña que separa a narración tradicional do guion cinematográfico. Autores clásicos e contemporáneos figurarán nos créditos de películas que están nestes momentos nalgunha das distintas fases do longo proceso que leva unha idea das letras ás imaxes.
   Unha das novidades editoriais dos últimos meses, Lume de cobiza (Galaxia), cuarta novela de Miguel Anxo Fernández sobre o detective Frank Soutelo, xa ten asinada o seu conversión ao mundo audiovisual. O director Ángel da Cruz prepara unha tv-movie que chegará ás salas de cine e que, ao mesmo tempo, servirá en televisión como piloto para unha serie de nove episodios, cada un nunha localidade galega.
   O máis difícil da adaptación, segundo asegura o autor e crítico de cine e televisión, será elixir ao actor encargado de dar vida ao personaxe principal. «É un personaxe que ten xa dez anos, esta é a cuarta novela que protagoniza, e a xente ten xa unha imaxe preconcibida de el», afirma Miguel Anxo Fernández. O proxecto, que será moi innovador desde o punto de vista narrativo, empezará a filmarse a finais do 2012.
   A próxima semana comezará en Galicia a rodaxe de Todo é silencio, a nova película de José Luís Corda sobre o thriller homónimo de Manuel Rivas. O filme está producido por Tornasol Films, a mesma produtora que, xunto con Milú Films, adquiriu os dereitos de A praia dous afogados, segunda novela de Domingo Villar sobre o detective Leo Caldas. O autor confirma que actualmente leva a cabo o «proceso de adaptación do guion».
   Pola súa banda, José Luís García Sánchez dirixirá Sete palabras, de Suso de Toro .

La Voz de Galicia, 25/8/2011

5/2/11

A cuarta parede


Nace "A Cuarta Parede", primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica.

Trátase dunha publicación na rede que editan Víctor Paz Morandeira e Eloy Domínguez Serén, amantes do sétimo arte e colaboradores activos en diversas publicacións. Ambos decidiron o pasado outubro, no marco do festival de Sitges, crear esta nova web para "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua", explica Víctor Paz.

Na súa páxina web traballarán ao redor de trinta colaboradores, entre os que se contan recoñecidos críticos como Jaime Pena -coordinador da programación do CGAI- ou cineastas da talla de Ángel Santos e Alberte Pagán. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico.

O principal foco de atención de A Cuarta Parede é o cine de autor de actualidade, aínda que Paz comenta que non se rexeitará "falar de temas máis atemporais que promovan un intenso debate fílmico".

Haberá seis seccións na web, con reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. O apartado Found Footage -Metraxe atopada- presenta un punto novidoso, xa que remite a fragmentos de filmes que son atopados "case por azar, descubertos nunha antiga e abandonada bobina", comenta Víctor Paz.

29/11/10

Radiografía dun autor de tebeos de Marcos Nine

Guión: Marcos Nine
Música: Manuel Riveiro
Montaxe: Marcos Nine
Sonido: Daniel Patiño


David Rubín, autor de contos, plasma nunha historieta como se sente no momento en que a súa vida está a ser gravada para un documental. Unha viaxe a través do imaxinario dun dos autores de contos máis importantes do momento.


28/11/10

Poesía, unha ollada aos abismos do Alzheimer

O realizador coreano Lee Chang-Dong e a gran dama do cine do seu país, Yun Junghee, compoñen unha exquisita aproximación a unha enfermidade tan delicada como o Alzheimer, Poesía, premio ao mellor guión no Festival Internacional de Cine de Cannes.
Nesta longametraxe Yun Junghee encarna a unha avoa enfrontada á idea inasumible de que o seu neto participou nunha violación colectiva (que esporeou o posterior suicidio da vítima), mentres o Alzheimer avanza e un curso de poesía esíxelle saber considerar a beleza do mundo.
A enfermidade da protagonista marca sutilmente toda a trama, cunhas pinceladas de humor que nunca sabemos se nace do seu carácter ou da enfermidade.



TITULO ORIXINAL: Shi (Poetry)
DIRECTOR: Lee Chang-dong
ANO: 2010
DURACIÓN: 139 min.
PAÍS: Corea del Sur
GUIÓN: Lee Chang-dong
FOTOGRAFÍA: Kim Hyunseok
REPARTO: Yoon Hee-Jeong, Nae-sang Ahn, Da-wit Lee, Hira Kim, Yong-taek Kim,
PRODUCTORA: Pine House Film

12/11/10

O retorno ás orixes de Martin Sheen ou Ramón Estévez

The Way (O Camiño, 2010) película dirixida por Emilio Estévez, está protagonizada por Martin Sheen, o actor "hollywoodiense" fillo de pai galego e o inesquecible capitán Willard en Apocalypse Now (1979) de F.F. Coppola ou, máis recentemente, protagonista da serie El ala oeste de la Casablanca.

O filme narra a historia de Tom, un maduro oculista viúvo, afincado en Estados Unidos, feliz no seu pequeno mundo onde o máximo aliciente o ofrecen os seus partidos de golf. En cambio o seu fillo ten ganas de ver mundo, e precisamente na súa aventura de facer o Camiño de Santiago morre nun accidente nos Pirineos. Tom debe acometar a ingrata tarefa de viaxar a Francia a facerse cargo do cadáver. Pero unha vez alí, decide tomar o relevo do seu fillo, e coas súas cinzas facer o Camiño xuntos. Van ser varias semanas en que vai sufrir unha transformación, o seu é unha viaxe non só físico senón interior, onde lle enriquece o contacto con outras persoas que tamén teñen as súas razóns para peregrinar a Santiago de Compostela.


A banda sonora de The Way, creada por Tyler Bates, responsable, entre outras, da música de 300, inclúe as cancións de Berrogüetto Nadal de Luintra e Fusco. Tamén participan artistas do talle de Coldplay, Alanis Morissette ou James Taylor.

NADAL DE LUINTRA



FUSCO

7/11/10

El solista

Fermosa película baseada nunha historia real que fala  sobre a amizade e a esquizofrenia, de como un home de éxito descobre nun indixente unha paixón que el nunca coñecerá; fala do abismo que separa nunha cidade aos privilexiados dos marxinados, só un par de rúas de distancia que parecen un mundo.


Pero tamén fala de música, do seu poder, do poder que permite imaxinar, deixar atrás a situación na que un se atopa e ser totalmente libre durante un tempo. Fala de como un home recoñece o don, dentro da loucura, doutra persoa que tocando no medio da autoestrada un violín con só dúas cordas dí: “Isto é moi bonito, porque tocas música e as pombas aplauden cando se botan a voar”.



Nun par de días estará dispoñible na biblioteca

29/7/10

China blue

Rodado clandestinamente e baixo duras condicións en China, este documental amosa dende un acceso privilexiado o que tanto China coma as grandes marcas internacionais queren ocultar: como se produce a roupa que compramos.

China Blue intérnanos nunha fábrica de pantalóns vaqueiros, onde dúas mozas, Jasmine e Orchid, intentan sobrevivir ás difíciles condicións laborais. As súas vidas crúzanse con outras compañeiras e coa do director da fábrica onde traballan, o señor Lam. Dende varios niveis da xerarquía da empresa, o documental amosa, humanamente, os problemas complexos dun mundo globalizado.

Así como outras moitas rapazas, Jasmine abandona a súa aldea para traballar nunha fábrica na cidade. Rapidamente, a súa ilusión inicial para conseguir diñeiro para a súa familia esvaécese. Vese sobresaturada por longas xornadas laborais e polo atraso dos pagamentos. O seu único consolo é a amizade que nace coas súas compañeiras de traballo.

Para conseguir novos pedidos de compradores occidentais, o señor Lam acorda prezos extremadamente baixos e uns prazos de entrega axustados. Grazas a este pacto, recorta os salarios e obriga as rapazas a traballar sen parar durante xornadas de 24 horas. Se as rapazas se dormen, múltaselles cunha rebaixa considerable do soldo. Para evitalo, suxéitanse as pálpebras con pinzas de colgar a roupa. Estas condicións indúceas a facer folga - ilegal en China - como último recurso para defender a súa dignidade.


China Blue debuxa un matizado, tenro e impresionante retrato sobre o día a día dunhas mozas traballadoras dunha fábrica téxtil. Á vez, proporciona un informe actualizado e alarmante sobre as presións económicas que establecen as compañías occidentais e as consecuencias humanas que iso provoca.



9/6/10

Cine galego: "18 comidas"

"18 comidas " do director galego Jorge Coira realizará o seu premiere mundial no Festival Internacional Taormina Filme Festival.
Será a película de apertura da Mediterranean Competition (Competencia Oficial do Festival), que comeza o 12 de Xuño.

Cantas historias poden acontecer durante unha comida, nunha cea, nun xantar...?

24 personaxes... 6 historias.......18 comidas

"18 comidas" é unha película que viaxa a través de dezaoito comidas -entre almorzos, comidas e ceas- que nos fan partícipes dalgúns deses momentos que poden cambiar unha vida. Seis historias ao longo dun único día de ficción".


Trátase dunha produción de TIC TAC e ZIRCOZINE coa participación de Televisión de Galicia. Conta con excelentes interpretacións de actores do talle de Luis Tosar, Víctor Clavijo, Sergio Peris-Mencheta, Esperanza Pedreño, Pedro Alonso, María Vázquez, entre outros.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas